Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta prevé que a Lei do litoral sexa efectiva este 2023 e non agarda recurso do Goberno

A Xunta prevé que a Lei do litoral sexa efectiva este 2023 e non agarda recurso do Goberno

O Goberno galego remite ao Parlamento unha norma coa que busca dar seguridade xurídica ás edificacións da costa, entre elas, centos de empresas da industria pesqueira

O PSdeG defende a lei malia que o Goberno xa presentou alegacións contra ela

O sector mar-industria galego acolle con alivio a nova lei da Xunta

Litoral galego
G24.gal 27/04/2023 12:01 Última actualización 27/04/2023 19:02

A Xunta prevé que este mesmo ano entre en vigor a lei galega de xestión integrada do litoral, tras aprobar este xoves en Consello a súa remisión ao Parlamento. O presidente Alfonso Rueda defende que é unha norma adaptada á realidade do país que garante a seguridade xurídica das instalacións que están na costa. A Xunta di que asume competencias recollidas no Estatuto e non agardan recursos do Estado a esta lei.

Na costa galega conviven praias, zonas protexidas e solos urbanizados. A nova lei distinguirá tres tipos de áreas segundo o nivel de conservación e regulará as actividades permitidas. O texto define como usos estratéxicos establecementos como as conserveiras, locais turísticos en inmobles de valor histórico ou instalacións de saneamento como depuradoras.

"O que queremos é contar cunha regulación de costas que estea adaptada á nosa realidade con estrito respecto á normativa estatal. Queremos unha ordenación do litoral que sexa realista, razoable e eficaz e o pleno equilibrio entre a protección da natureza e a actividade socioeconómica que leva moito tempo arraigada no noso litoral e que pode seguir medrando dun xeito sostible", explicou Rueda.

A Xunta defende que o 60% do texto recolle as achegas de expertos e sectores afectados e confía que na tramitación parlamentaria haxa o mesmo consenso manifestado na súa elaboración. Pese ás críticas do Goberno central a esta norma, que chegou a comparala cunha declaración de independencia, a Xunta non prevé recursos en contra.

"Non debería de haber un recurso de inconstitucionalidade. Cada vez que damos un paso á fronte facémolo amparados en datos científicos e sempre coa máxima seguridade xurídica", dixo Ángeles Vázquez, conselleira de Medio Ambiente.

O proxecto da lei de xestión do litoral entra en maio no Parlamento para o seu debate. A Xunta quere que este mesmo ano Galicia se converta, di, na primeira comunidade en regular a súa costa.

O Goberno central xa adiantou que estudará recorrer contra esta norma, porque considera que invade as súas competencias. Pero o PSdeG marca distancias con Madrid.

Di que apoiará esta lei, aínda que farán achegas na tramitación parlamentaria para corrixir eivas que lle ven. Confirmouno esta mañá Valentín González Formoso, quen asegurou que por riba de todo está a defensa dos intereses do tecido produtivo de Galicia. 

A lei permitirá regularizar edificacións e instalacións xa existentes na franxa costeira ante a normativa do Goberno central que a Xunta cre que só supón "inseguridade xurídica"- entre elas máis 300 de industrias, das que é "inviable prescindir", advertiu Vázquez, quen dixo que este é un "día histórico" para Galicia. 

Ademais, Vázquez destacou que esta norma se debe efectuar desde Galicia e non desde Madrid, e que o faga "quen máis e mellor coñece a realidade, que neste caso somos os galegos".

A futura lei regulará as actividades que se fagan en 550 metros desde o mar ata a terra, en mar aberto ata as 12 millas náuticas.

Segundo explica a Xunta, o texto que agora remiten ao Parmalento incorpou o 60 % das achegas de expertos e sectores afectados. Distingue o litoral en tres zonas con distinto nivel de protección co obxectivo, defende o Goberno galego, de regular a faixa litoral dende Galicia e darlles seguridade xurídicas aos titulares de instalacións en terreos de dominio público, dende empresas ata depuradoas.

A Xunta agarda o apoio dos partidos da oposición a esta lei, que prevén que estea aprobada este ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade