Publicador de contidos

Publicador de contidos

Redes de apoio locais colaborarán para detectar casos vulnerables de persoas que están soas

Redes de apoio locais colaborarán para detectar casos vulnerables de persoas que están soas

A Xunta aproba a Estratexia para atender a soidade non desexada

Este mesmo mes unha liña telefónica xestionada pola Cruz Vermella comezará a facer seguimento de persoas que viven soas

G24.gal 05/05/2025 13:38 Última actualización 05/05/2025 16:08

O Consello da Xunta aprobou este luns a Estratexia galega para a atención á soidade non desexada. Este programa está dotado con máis de 145 millóns de euros, que inclúe a posta en marcha este mesmo mes dun teléfono de atención, que xestionará a Cruz Vermella.

Segundo explicou o presidente da Xunta, moitas das medidas desta Estratexia están xa en marcha, pero destacou entre as novidades a posta en marcha de redes de apoio local, entre as que se trata de implicar a comercios de barrio, establecementos hostaleiros, farmacias, carteiros, e asociacións veciñais e sociais, para detectar situacións de vulnerabilidade ou illamento.

Destacou a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que a Estratexia ten varios eixos que resumiu en detección, sensibilización, prevención e intervención. Case un 21 % das persoas maiores de 65 anos viven soas, destacou García.

Nese sentido, explicou que se vai elaborar un protocolo e un censo para rexistrar os casos, cunha ventá única para uniformar a carteira de servizos como son o de axuda no fogar ou os traballadores sociais, que se implicarán tamén na detección dos casos.

Ademais vanse realizar campañas informativas e promoveranse actividades interxeracionais, e tamén rutas culturais, acompañamento dixital e ampliarase o carné +65.

Por outro lado tamén se vai facilitar a implantación de vivendas de uso compartido, tanto en ámbito rural como urbano. E, na liña de crear as redes de apoio local, crearanse programas de voluntariado e tamén as figuras de coordinadores de barrio e parroquiais como interlocutores. 

A posta en marcha do servizo telefónico multicanle, que xestionará a Cruz Vermella, servirá para facer un seguimento constante das persoas que decidan ser chamadas varias veces á semana para falar, cun público obxectivo inicial de 1.000 persoas maiores de 65 anos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos