O Bono Peixe de 50 euros estará dispoñible para a súa descarga a partir do 28 de xullo
As persoas que descarguen o bono poderán obter un desconto do 25 % na súa compra, ata un máximo de 5 euros semanais, durante dez semanas
Os establecementos interesados en ser beneficiarios desta campaña poden darse de alta desde o día 11 na plataforma creada pola Consellería do Mar
O Consello da Xunta aprobou este luns o lanzamento da campaña coñecida como Bono Peixe, que xa anunciara o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no pasado Debate de Política Xeral.
O bono estará dispoñible para a súa descarga polos consumidores nunha aplicación móbil a partir do próximo 28 de xullo. Ata esa data os establecementos que queiran adherirse a esta campaña poderán darse de alta desde este venres 11 na plataforma que a Consellería do Mar creou para esta iniciativa, e que se prevé que ata 1.600 peixerías serían as potenciais participantes.
Deberán cumprir unah serie de requisitos, entre eles desenvolver a súa actividade en Galicia ou estar dados de alta como autónomos ou empresas do sector.
Os bonos terán un valor de 50 euros e prevese poñer a disposición dos consumidores 250.000 euros cada semana durante dez semanas.
As persoas que descarguen o bono poderán obter un desconto do 25 % na súa compra ata un máximo de 5 euros por semana. No caso de non facer uso do bono, poderán usalo en semanas seguintes mentres non supere os 25 euros.
A Xunta anima os establecementos a sumarse a esta medida, coa que buscan incentivar o consumo de peixe e mellorar os hábitos na alimentación dos galegos. Para iso, Alfonso Rueda insiste en pedirlle ao Goberno a rebaixa do IVE para estes produtos.
A este bono destinaranse 2,5 millóns do Fondo Europeo de Pesca e desde a Xunta aseguran que prevén mobilizar 10 millóns na cadea de produción e comercialización de peixe.