A loita contra os incendios en Galicia contará neste 2025 con máis de 7.000 profesionais
O Consello da Xunta aprobou o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) para este ano

O Consello da Xunta aprobou este luns o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais (Pladiga) para este ano que vai contar con máis de 7.000 profesionais que desenvolverán a súa actividade durante oito meses, no caso dos integrantes das brigadas dependentes da Xunta, segundo anunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
Rueda explicou que entre as principais novidades na loita contra os incendios está o incremento dun 20 % no orzamento destinado á formación deses profesionais. Serán 1,8 millóns de euros en dous anos.
Ademais neste 2025 incorpórase ao Pladiga a figura de xefe de loxística, que desenvolverá a súas funcións nos incendios máis complexos, "por volume ou por evolución", e vaise encargar de facilitar o desprazamento de medios, vixiar o funcionamento das comunicacións e garantir que se conta co material necesario para os traballos de extinción.
Ademais vanse elaborar plans preventivos contra o lume nos seis parques naturais que hai en Galicia, e continuarase co desenvolvemento dunha ferramenta para coñecer o risco de incendios, na que se traballa en colaboración con Portugal, e que se centrará nas provincias de Pontevedra e Ourense.
O plan contará con 30 medios aéreos, entre avións e helicópteros, e 380 motobombas. Amais, como se vén facendo nos últimos anos, neste exercicio tamén se actualiza a listaxe de parroquias de alta actividade incendiaria. "Son 26 nesta ocasión, 14 menos que en 2024, o cal non deixa de ser unha boa noticia", dixo Rueda.
Obxectivos do Pladiga
O Pladiga márcase o obxectivo de que ardan menos de 18.554,5 hectáreas en 2025, a media do queimado na última década. Ademais, incrementa a rede de videovixilancia a 181 cámaras, catro máis, en 90 localizacións, con dous sitios novos (nas Pontes e Mondariz).
Este plan ten obxectivos como unha redución dos 307 incendios de media na última década (lumes de máis de 0,5 hectáreas). En liña con anos anteriores, os lumes superiores a 25 hectáreas deberanse manter por baixo do 2 % do total e prevese que os dunha hectárea ou menos supoñan máis do 70 %. No tocante ás situacións 2, aquelas en as que o lume ameaza casas, quérese baixar das sete activacións medias do último lustro (houbo só una en 2024).
As hectáreas queimadas en 2024 foron 2.644,7 (cun mínimo histórico de 755 lumes), unhas 4.000 hectáreas menos que as 6.749 de 2023, cifra que só foi menor en 2018 (2.600). Sobresaen nestes dez anos o arrasado nas ondas de 2017 (62.096) e 2022 (51.643).
Así mesmo, o Pladiga marca obxectivos específicos para este ano como: unha revisión dos plans municipais de prevención de incendios pendentes de aprobación, desenvolver convenios para a constitución de brigadas de prevención en mancomunidades de municipios durante seis meses ao ano, avanzar no anteproxecto da lei pendente de loita integral contra incendios e comprar seis máquinas hidrostáticas polivalentes que poden facer tanto rozas como extinción.
O persoal laboral fixo descontinuo das brigadas de prevención de incendios pasa a traballar oito meses ao ano este 2025, como anunciaba Alfonso Rueda, quen tamén dixo que aumentará a nove meses en 2026.
Parroquias de alto risco de incendios
Mentres, as parroquias de alto risco de incendios baixan a 26 este ano, o que supón 14 menos que as 40 de 2024. Por provincias a repartición é o seguinte: encabeza Ourense con 17, seguida de Pontevedra, con 5, e A Coruña, con 4. Non hai ningunha en Lugo ao saír a que había en Folgoso.
As parroquias de alto risco de incendio (PAAI) son aquelas que acumulan unha media anual de sete lumes ou máis no último lustro, así como as que sufrisen dous incendios ou máis superiores ás 200 hectáreas nos últimos 10 anos.
En concreto, hai 16 parroquias que saen da listaxe en 2025: Ribasieira, no municipio do Porto do Son; Meiraos, en Folgoso do Courel; Castro de Escuadro, en Maceda; Padrenda, en municipio homónimo; Casaio, en Carballeda de Valdeorras; Queixa, en Chandrexa de Queixa; Cernado, en Manzaneda; A Xironda, en Cualedro; Camba, en Laza; Chaguazoso, na Mezquita; Bousés, en Oímbra; Grixoa, en Viana do Bolo; Sabuguido, en Vilariño de Conso; Vilamaior da Boullosa, en Baltar; Saiar, en Caldas de Reis; así como Poio, en concello homónimo.
En cambio, entran nesta lista as parroquias: Requeixo, en Chandrexa de Queixa, e Pontellas, no Porriño.
Paralelamente, a Consellería do Medio Rural ten previsto levar a cabo durante 2025 un total de 250 queimas preventivas nunha superficie de 1.437 hectáreas, maior cifra histórica desde a posta en marcha desta medida para evitar incendios forestais.