A Xunta reforza a inspección sanitaria para a xestión das baixas laborais
O Consello da Xunta acorda a contratación de 18 novos traballadores, inspectores e subinspectores
O Consello da Xunta aprobou este luns reforzar o servizo de inspección sanitaria con 18 novos profesionais, 9 inspectores e 9 subinspectores, para reforzar a xestión das baixas laborais.
O obxectivo, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, é "mellorar a resposta" do servizo.
Ademais o Consello tamén acordou mudar o protocolo para a xestión clínica e seguimento das baixas laborais, de xeito que as mutuas xa non terán que solicitar unha autorización por cada proba que realicen ao paciente, senón que bastará unha única solicitude por traballador.
Ademais a última palabra será sempre da inspección médica se entende que unha alta médica non está debidamente acreditada.
Asegura Rueda que se busca que o proceso sexa "máis áxil e resolutivo" e que a Xunta segue a traballar para deseñar un novo plan integral para a xestión das baixas, na liña da persecución da fraude.