"O cancro son máis de 200 enfermidades distintas", explican os oncólogos de SOLTI
A fundación que reúne grupos de investigación en cancro de seis países da UE insiste na necesidade de que a sociedade elimine falsas crenzas sobre unha enfermidade que segue aumentando incidencia
Referímonos a el cunha única palabra, pero en realidade o cancro son máis de 200 enfermidades distintas, con diferentes niveis de gravidade e diversidade de tratamentos. En 20 anos, a súa incidencia duplicarase en España, polo envellecemento da poboación e tamén polos factores ambientais, pero o principal desafío do sistema sanitario segue sendo un tabú para a maioría da poboación.
"Hai moita información sen rigor que promete e crea falsas expectativas, e ese é o problema. Á consulta ás veces chegan pacientes con cousas que oíron en redes ou mesmo che veñen con chat GPT", lamentan Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS, e Isaura Fernández, oncóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Precisamente nesta xornada para informadores organizada por SOLTI os oncólogos subliñan a importancia de ter unha boa información e explican que o primeiro que debemos saber é que o cancro ten apelidos. E cada matiz inflúe na abordaxe e no tratameno da patoloxía. Hai que endender que é esencial a busca dos denominados biomarcadores, explican.
"Un biomarcador é como un sinal que emiten os tumores, e se somos quen de identificar ese sinal que fai que o tumor prolifere, imos ser quen de identificar -primeiro no laboratorio e despois na clínica- moléculas que o bloqueen", dinos Isaura Fernández, oncóloga do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
"Probablemente a terminoloxía do cancro dentro de dez anos sexa moi diferente a como a coñecemos hoxe", reflexiona Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do CHUS.
Porque os avanxes son constantes. Cóntannos que España é líder mundial en ensaios clínicos e que é imprescindible investir en ciencia para lograr que cada vez os tratamentos sexan máis personalizados. A oncoloxía é agora mesmo a especidade máis ligada á investigación.