Publicador de contidos

Publicador de contidos

Elevan a 25 anos a petición de condena para o acusado de parricidio en Muros

Elevan a 25 anos a petición de condena para o acusado de parricidio en Muros

A Fiscalía e a defensa elevaron a definitivas as súas conclusións e peticións de condena

Está previsto que o xurado popular comece a deliberar este martes

G24.gal 18/05/2026 14:00

Os psiquiatras que recoñeceron o acusado tras os feitos a noite do 22 de abril de 2023, manifestaron que estaba consciente e orientado, e que non apreciaron unha situación de estar fóra da realidade. Aseguraron tamén que a analítica que lle realizaron deu negativa en tóxicos.

Nesta sexta e última sesión do xuízo, exhibíronse dous vídeos publicados polo procesado nas redes sociais nos que alardea do consumo de drogas e profire ameazas de morte contra alguén portando armas.

Tamén se reproduciu a chamada que realizou ao 112. Informaba de que na súa casa houbera un asasinato , que mataran a seu pai e que a el lle fixeran un corte na cara. Explicaba que na cociña había sangue por todos os lados e que desfixeran o cerebro do seu proxenitor. Culpaba dous sicarios.

Unha vez reproducida a proba documental, a Fiscalía elevou a definitivas as súas conclusións e mantivo a petición de 23 anos de cadea.

"Antonio foi á cociña, machada en man, coa intención de acabar coa vida do seu pai, sen darlle opción ningunha a defenderse e acoitelouno. Seu pai estaba vivo aínda no chan, e achegándose todo o posible a el, para asegurar a súa morte, executouno, dándolle cunha forza e precisión extraordinaria varios machadazos na cabeza".

A acusación particular cualificou os feitos como "unha auténtica execución" e elevou a pena dos 23 aos 25 anos de cadea.

"Esta persoa estaba en perfecto estado, sabía o que facía e quería facelo. Non había ningunha dúbida, tal e como adiantamos ao principio. E cremos que nestes momentos está todo moi claro", di Luciano Prado, avogado da acusación particular.

Pola súa banda, a defensa manifesta que non hai nada que permita desvirtuar a presunción de inocencia.

"Ninguén desvirtuou a lexítima defensa. Hai un ataque previo, con arma branca e debe terse en conta a eximente completa por lexítima defensa, amais da eximente do seu estado mental. El xa se arrepentiu dos feitos. Coa lei na man non queda outra vía que a absolución", explica José López Balado, avogado da defensa.

Está previsto que este martes se lle faga entrega do obxecto do veredicto aos nove membros do xurado popular para que se retiren a deliberar ata determinar a culpabilidade ou inculpabilidade do investigado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade