Publicador de contidos
Publicador de contidos

Desprazamentos máis sostibles e seguros; así é a Estratexia Galega de Mobilidade

Desprazamentos máis sostibles e seguros; así é a Estratexia Galega de Mobilidade

O Consello da Xunta aprobou este luns o proxecto que deberá mudar nos próximos 25 anos a forma en que se producen as comunicacións e o transporte

G24.gal 06/05/2024 11:16 Última actualización 06/05/2024 14:53

A Estratexia Galega de Mobilidade foi aprobada este luns no Consello da Xunta hoxe tras un ano de traballo e vaise converter na folla de ruta para facer os desprazamentos por Galicia máis sostibles e seguros.

Ten como horizonte 2050 e que presenta varios fitos ata esa data, como que o 30 % dos desprazamentos non estean motorizados xa no ano 2030 ou que o 90 % da poboación estea a menos de 30 minutos do seu centro sanitario de cabeceira en 2040 e que nesa mesma data toda a poboación teña ao alcance de 15 minutos unha vía de altas prestacións.  

Son un cento de medidas reunidas en doce programas que mobilizan 420 millóns de euros. Na práctica, hai uns obxectivos de resultados, con data concreta, para reducir as necesidades de desprazamento, reducir a distancia dos traslados, as emisións contaminantes e os accidentes de tráfico.  

Na súa intervención, o responsable de Mobilidade da Xunta, o conselleiro Diego Calvo, explicou que "trata de definir a mobilidade que Galicia quere para o futuro inmediato".

Nesta liña, outro dos obxectivos busca alcanzar as emisións cero no transporte de mercadorías en 2050.  

Con eixos como o traballo, funcionalidade, sustentabilidade, innovación, seguridade e economía, elaborouse este plan de acción que contén 99 medidas, 12 programas, 30 subprogramas. Todo iso, relacionado cun plan director de estradas, que está dotado de 1.538 millóns de euros e o plan de transporte público, con 650 millóns.

Para conseguilo, a Xunta quere facer atractiva e cómoda a decisión de usar o transporte público, mellorar infraestruturas e ampliar a rede de sendas peonís e ciclistas, amais de ampliar os aparcamentos disuasorios e a rede de recarga de coches eléctricos.

Diego Calvo tamén pediu "certezas" ao Goberno central sobre os transportes e, especificamente, sobre a alta velocidade, debido a que xa van "moitos anos que cada anuncio que se fai acábase convertendo en papel mollado". 

Acordos do Consello da Xunta en materia de emprego e marisqueo

O Consello da Xunta tamén aprobou axudas extraordinarias por valor de 7,3 millóns de euros para compensar os armadores e tripulantes das embarcacións afectadas polos descansos biolóxicos dos bancos marisqueiros.

Este ano establécese a paralización temporal da actividade de marisqueo en superficie en bancos das rías de Arousa, Pontevedra e Muros-Noia, amais da actividade percebeira en Bueu.

E co obxectivo de mellorar a inserción laboral de desempregados, o Goberno galego impulsa un programa de orientación e formación. Está dotado con máis de millóns de euros e quere chegar a máis de 4.500 persoas a través de asesoramento personalizado e prácticas en empresas. Está destinado a concellos e entidades sen ánimo de lucro que impartirán esta formación.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar