A Xunta ofrecerá contratos a residentes en hospitais para garantir a remuda de xubilados
Terán unha duración de tres anos e serán para MIR, FIR e PIR que remataron a formación neste mes de maio
A Xunta crea un programa antitabaquismo poñendo como obxectivo a redución da porcentaxe de fumadores, especialmente entre os máis novos
As taxas universitarias continuarán conxeladas durante o próximo curso
En Galicia está previsto que nos próximos cinco anos uns 60 facultativos de hospital accederán á idade máxima de xubilación, que nestes momentos está fixada nos 70 anos, malia que o Goberno galego pide elevala aos 72.
A Xunta acordou elaborar un plan de transición xeracional para evitar que se agrave o déficit de médicos e ofrecer un contrato estable de 3 anos a 60 residentes de Medicina, Farmacia e Psicoloxía que remataron a súa formación en maio. Estes contratos irían encamiñados a cubrir vacantes en 23 especialidades das sete áreas sanitarias.
A prioridade para ofrecer estes contratos serán as cualificacións universitarias e a avaliación final do período de residencia, e priorizarase a permanencia na área sanitaria en que se formaron. Alfonso Rueda explica que é unha medida máis para cubrir a falta facultativos.
A remuda xeracional tamén é un reto na Atención Primaria, o nivel asistencial con máis especialistas maiores de 60 anos. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a convocatoria de concurso de méritos para 116 prazas para postos de difícil cobertura.
Plan antitabaquismo
Tamén no ámbito sanitario, a Xunta aprobou este xoves un programa antitabaquismo de 2 millóns de euros para reducir do 16 ao 15 % a porcentaxe de fumadores diarios adultos, e dun 9 a un 5 % o de adolescentes. O plan Inspira Saúde 2023-2027 tamén establecerá o 31 de outubro como o día galego sen tabaco.
Rueda apuntou que é necesario reducir o índice de tabaquismo entre a poboación galega, xa que unha de cada cinco persoas maior de 16 anos é fumadora habitual e un de cada seis fuma a diario varios cigarros polo que hai que reducir estas cifras para "impedir patoloxías e mellorar a calidade de vida".
Entre as medidas que contempla está a de ampliar os espazos libres de fume a prazas públicas, campos de fútbol, piscinas descubertas e campus universitarios, así como crear unha rede de apoio, a través da plataforma telemática Telea do Sergas, para a xente que está a tentar deixar de fumar.
Conxelación das taxas universitarias
No Consello da Xunta deste xoves tamén se aprobou que as taxas das matrículas universitarias continuarán conxeladas durante o próximo curso.
Por décimo terceiro curso consecutivo o custo o prezo das matrículas manterase invariable, unha medida que dende 2011 beneficiou uns 700.000 estudantes. O executivo galego calcula que esta conxelación supón un aforro de entre 215 e 960 euros por alumno, dependendo dos estudos.