Coñecemos o proceso artesán para facer a máscara do cigarrón
Cómpren 3 meses de traballo para elaborar a máscara, que sobe do 400 euros no mercado
Aínda non saben se a poderán estrear este entroido pola pandemia
Coa incógnita de como será o Entroido este ano, baixo a ameaza de ómicron, os veciños de Verín non perden a esperanza. No obradoiro do cigarrón levan xa máis de dous meses traballando, para teren as máscaras preparadas cando chegue o día.
"Cando lle deamos a primeira man de pintura, van saír todos os fallos, así que hai que ter moita paciencia", explícalles Álvaro Ferreira, o artesán, aos seus alumnos. Coa mestría das súas mans expertas e teimudas, a cara do cigarrón vai collendo forma.
"A máscara do cigarrón non só consiste en labrar a madeira. Despois hai que poñelo, e non pode mancar. Tamén, usar os materiais que se empregaban antigamente", detalla Álvaro.
Así manteñen a tradición, de xeración en xeración. A maioría dos que están aquí, traballan para legárllelo a outros. "Esta estoulla facendo para un fillo meu que ten 52 anos, e xa lla fixen a un neto", comenta un dos alumnos.
O Entroido, no aire
A ilusión de todos é estrealo o domingo corredoiro. Pero a pandemia, que xa frustrou o entroido do ano pasado, volve ameazar o deste ano. A un mes das festas, aínda non saben como o van celebrar.