Condenan a catro anos de cárcere o sobriño de Charlín polo atropelo mortal dunha muller en Vilanova
Condenan a catro anos de cárcere o sobriño de Charlín polo atropelo mortal dunha muller en Vilanova
O suceso produciuse no 2020
Xa fora condenado pola súa implicación no accidente que lle custou a vida ao exconcelleiro socialista Juan Antonio Deus, no 2007
O Xulgado do Penal número 2 de Pontevedra condenou a catro anos e catro meses de prisión a Diego Silva Charlín (sobriño do patriarca do clan dos Charlíns) polo atropelo mortal dunha muller de 76 anos en Vilanova de Arousa no 2020.
A sentenza considera a Diego Silva autor dun delito de homicidio imprudente, outro de condución temeraria e do delito de abandono do lugar do accidente, pois non auxiliou a vítima, a pesar de que "tivo que ser consciente" de que atropelara a alguén . Ademais da pena de prisión, non poderá conducir durante seis anos e nove meses.
A muller cruzaba por un paso de peóns no centro urbano de Vilanova, cando foi atropelada polo home, que conducía un Porsche Cayenne, circulando a unha velocidade de 77 quilómetros por hora nun tramo limitado a 40. Tratábase, ademais, dunha área ben iluminada, polo que o tribunal considera que, de prestar atención á condución, vería a muller que cruzaba a calzada.
O choque foi tan violento que, tras caer sobre o capó do vehículo, a vítima saíu despedida máis de 30 metros, golpeando contra a parede dunha vivenda.
Así mesmo, nesta sentenza dáse a circunstancia agravante de reincidencia, dado que o procesado fora condenado xa por condución temeraria e homicidio imprudente en 2011, pola súa implicación no accidente mortal que lle custou a vida ao exconcelleiro socialista Juan Antonio Deus, ocorrido en 2007.
Tívose en conta a atenuante de confesión e de enfermidade mental porque dous informes apuntan a que ten trastorno por déficit de atención.