Christa Pike recupera a consciencia tras sobrevivir á súa execución
As dobres inxeccións letal non conseguiu matar a semana pasada
Tennessee suspende a pena capital mentres investiga o acontecido
Ía ser a primeira muller executada en Tennessee en máis de douscentos anos, pero Christa Pike pasará á historia como a primeira persoa que sobreviviu a unha dobre dose de pentobarbital. A inxección acabou por non ser letal, non se sabe se por un problema de circulación do seu sangue, polo mal estado da droga ou por unha mala colocación das agullas.
"Picárona ata sete veces", relataba o seu avogado, "e unha das agullas mesmo chegou a dobrarse". As testemuñas á execución frustrada relataron como a presa se queixaba dunha "forte sensación de queimadura no brazo", media hora de agonía que acabou con Pike inconsciente e ingresada nun hospital para tentar agora salvarlle a vida.
Este martes, Pike espertou e logrou falar. Ten 50 anos, foi condenada cando tiña 20 por asasinar unha compañeira de estudos. Agora, o seu futuro é incerto. O fiasco, o segundo deste ano en Tennessee, levou a suspender todas as execucións pendentes no que queda de ano e provocou a dimisión do responsable das prisións do estado.
O caso reviviu o debate sobre a pena capital, entre os que piden a súa abolición, como di o voceiro de Amistía Internacional, "pola imposibilidade de aplicala con dignidade", e os que simplemente reclaman facela máis eficaz. A senadora de Tennessee, por exemplo, levou á campaña electoral a volta á cadeira eléctrica.
Dous mil presos agardan no corredor da morte nos Estados Unidos: Jamaal Howard, un convicto de Texas, ía ser executado este mesmo mércores.