Publicador de contidos
Publicador de contidos

Prisión permanente revisable para Ana Sandamil polo asasinato da súa filla

Prisión permanente revisable para Ana Sandamil polo asasinato da súa filla

Segundo a sentenza, a vítima, Desirée Leal, careceu de calquera posibilidade “de reaccionar ou de defenderse” do ataque da súa nai

O xuíz que redacta a sentenza explica que se trata "dun delito de asasinato e non de homicidio simple" entre outras cousas pola indefensión da vítima

“Vexo esta sentenza como algo positivo, pero todo isto non me acouga a dor que levo dentro”, di o pai de Desirée

G24.gal 17/03/2023 14:12 Última actualización 18/03/2023 09:10

A sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou, de acordo co veredicto do tribunal do xurado, a prisión permanente revisable a Ana Sandamil polo asasinato da súa filla de sete anos Desirée Leal durante a madrugada do 3 de maio de 2019.

No seu veredicto o xurado descartaba que tivese afectadas as súas facultades mentais e concluíu que matou a menor “de maneira querida e premeditada”. Así, considerou probado que, coa finalidade de acabar coa vida da súa filla, cando estaba na cama con ela, pois durmían xuntas, subministroulle un fármaco con efectos sedantes e, seguidamente, “asfixiouna coas súas propias mans”.

A vítima careceu de calquera posibilidade “de reaccionar ou de defenderse” do ataque da súa nai, segundo día a sentenza da que informa este venres o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia,

O xurado, a pesar de considerar que a acusada tiña “un trastorno de personalidade que afectaba á súa capacidade de relacionarse e expresarse”, concluíu que, no momento dos feitos, ese trastorno “non lle impedía ter a plena capacidade para comprender e entender" o que estaba facendo.

Ademais, tamén se entede como probado que antes do día no que se cometeu o crime buscou en Internet “sobre os medios cos cales podía acabar coa vida da súa filla”, e que cando o fixo sabía "da intención do pai de modificar e incrementar legalmente o réxime de visitas, co fin de que puidesen pasar máis tempo xuntos”.

“A consideración de que o delito o é de asasinato e non de homicidio simple derívase de que, como ben indica o xurado, a nai era, como tal, a garante de que á nena non lle ocorrese ningún mal e de que, ao durmiren ambas xuntas, a nena se sentise protexida de calquera tipo de perigo que lle puidese ocorrer”, explica o maxistrado presidente do tribunal na sentenza, quen destaca que, por iso, “a súa capacidade de reacción víase claramente diminuída”.

Ademais, lembra que a nena se atopaba “en estado somnolento” e subliña que a subministración do fármaco, aínda que fora en pouca cantidade, “tamén tivo que diminuír a súa capacidade de resposta ou reacción”.

Por último, recorda que “a propia idade da nena, comparada coa da súa nai, necesariamente fixo que a súa reacción fose mínima e que a súa resposta ao ataque, claramente aleivoso por imprevisto e por sorpresa, fora tamén mínima”.

A sentenza non é firme, e contra ela cabe presentar recurso de apelación ante o TSXG.

O pai de Desirée di que a sentenza non calma "dor" que leva dentro

José Manuel Leal, o pai de Desirée, cre que a sentenza que condena a Ana Sandamil é “un paso máis”, pero está “seguro case ao cento por cento de que non será o último”.

“Vexo esta sentenza como algo positivo, pero todo isto non me acouga a dor que levo dentro”, dixo Leal, porque “tristemente isto non fai que deixe de seguir pensando na miña nena. É moi duro pensar que non vai volver”.

Ademais, considera que a loita nos tribunais vai continuar, porque cabe recurso ante o TSXG e despois “recurso de casación ante o Supremo”. “Isto seguro case ao cento por cento de que esta sentenza aínda non é o final”, engadiu.

Nese sentido, dixo que “ata que exista unha sentenza firme”, sen posibilidade de recurso, ve a condena a prisión permanente revisable como “un paso máis”. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade