Condenado en Bélxica o exmozo de Teresa Rodríguez polo seu asasinato
Un xurado popular condenouno a 30 anos de cadea
O crime machista ocorreu en 2022

O exgarda civil César Arribas Calvo foi condenado este venres por un xurado popular a 30 anos de prisión, como pedía a Fiscalía belga, polo asasinato da súa exparella, a enfermeira española Teresa Rodríguez Llamazares, o 27 de outubro de 2022.
O xurado, formado por catro mulleres e oito homes, tivo en conta como circunstancias atenuantes a ausencia de antecedentes do condenado, o bo comportamento na prisión onde se atopa ingresado e a indemnización de 32.000 euros xa abonada á familia da vítima.
O condenado ten un mes para recorrer a sentenza en casación, en relación con aspectos de forma e non sobre o fondo do asunto.
Palma Lara, amiga da vítima e compañeira do hospital belga onde traballaba como enfermeira, declarouse satisfeita co veredicto do xurado.
"Nós evidentemente non imos recuperar a Teresa e toda a dor e toda a pena que ten a súa familia e todos os seus amigos iso non o vai tapar ningunha pena nin nada, pero polo menos queriamos que (...) caese a pena máxima, os 30 anos, porque o que fixo é unha verdadeira atrocidade e unha monstruosidade", dixo en declaracións á prensa tras a decisión.
Asegurou que a familia e amigos da enfermeira de Valladolid tiñan "medo" de que o feito de que César Arribas non tivese antecedentes e o seu bo comportamento no cárcere "rebaixase a pena", pero mostrouse satisfeita de que "polo menos que sexa o máximo" do previsto neses casos.
Por outra banda, a amiga de Teresa opinou que en Europa debería existir "un marco xurídico" que faga que todos estes crimes, aínda que sexan cometidos en diferentes países, permitise que se "cumprisen as penas integramente e que se contemple verdadeiramente o feminicidio e a violencia de xénero".