Outro venres de Campiño: a veciñanza teme outra noite de carreiras ilegais
A operación Platillo da Garda Civil segue aberta con vixilancia nos polígonos industriais
A última fin de semana un coche derrubou un farol sobre un grupo de espectadores
"Venres tras venres, as mesmas películas", quéixase un veciño.
Películas de manobras imposibles que se repiten cada venres no polígono do Campiño, en Pontevedra.
"Son concentracións onde van por hábito e nun momento dado, algún decide empezar con manobras antirregulamentarias. Como un botellón pero nunha zona que se presta para ese tipo de manobras", explica Jorge García, sarxento da Garda Civil de Pontevedra.
Botellón, que tamén o hai, pero cargado da adrenalina dos derrapes, da competición e da temeridade ao volante.
"Son xente nova, e algunha vella gloria por aí. As beiravías están cheas de público e calquera erro pode ser un desastre", advirte o sarxento.
As carreiras do Campiño son un clásico. Relaxáranse no verán, despois dun forte operativo policial con case un cento de denuncias, pero volveron co outono. A última fin de semana, puido haber unha desgraza.
"Dous vehículos bateron entre eles e un foise contra un farol. Debaixo había seis ou sete persoas e sorte que a parou unha árbore", engade Jorge García.
Hai dúas persoas identificadas grazas ás redes sociais. Curiosamente, en xeral é xente que mima o coche coma se fose un tesouro. Coches vellos nos que meten cartos para poder petardear, correr e queimar roda.
"Collen os coches que normalmente non son novos e téñenos preparados por eles mesmos", explica o sarxento da Garda Civil de Pontevedra.
Son reprogramacións específicas para carreiras, distintas das que busca o usuario habitual.
"A diferencia dunha reprogramación que se fai para un usuario ou unha preparación para carreiras é que na de carreiras se toca moitísimo o motor. Tócase a admisión, as válvulas, o cegoñal, a liña de escape desde os colectores ata atrás, cámbianse as válvulas con máis percorrido", marca Víctor Sóñora, xerente de Powermusic.
A operación Platillo da Garda Civil segue aberta, con vixilancia polos diferentes polígonos.
"Son moitos polígonos, moitas estradas pero si que temos un operativo específico para iso. E sempre estamos", avisa o sarxento García.
É venres, así que quen avisa non é traidor.