Condenado a catro anos de prisión un home que agrediu sexualmente unha muller en Ordes
A sentenza tamén lle impón o pago dunha indemnización de 15.000 euros á vítima
Audiencia Provincial da Coruña (Arquivo)
A sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña condenou a catro anos e 10 meses de prisión un home que agrediu sexualmente unha muller en 2022 en Ordes. A sentenza tamén lle impón o pago dunha indemnización de 15.000 euros á vítima.
Segundo recolle a resolución xudicial, a noite dos feitos o acusado e a moza abandonaron un local de lecer nocturno e dirixíronse a unha zona próxima, onde se produciron actos de carácter sexual sen o consentimento da vítima. A Audiencia considera probado que a muller expresou de xeito claro e reiterado a súa negativa.
Os maxistrados sosteñen que a carga probatoria existente, entre a que se atopa a declaración da vítima, cualificada como obxectiva e crible, e os informes forenses, é máis que suficiente para atribuír ao acusado a autoría dos feitos. A sentenza non é firme, xa que pode ser recorrida ante o TSXG.