Publicador de contidos

Publicador de contidos

Condenado a 11 anos de prisión por agredir sexualmente unha clienta con discapacidade en Láncara

Condenado a 11 anos de prisión por agredir sexualmente unha clienta con discapacidade en Láncara

A sentenza da Audiencia Provincial de Lugo considera acreditado que o acusado aproveitou a situación de vulnerabilidade da vítima

O procesado realizou múltiples chamadas telefónicas para que a denunciante acudise á tenda e, unha vez alí, levou a cabo distintas agresións sexuais, chegando a violala, a pesar da oposición da vítima

Segundo o acusado, era a muller quen o acosaba, e as chamadas telefónicas realizadas tiñan como único obxectivo pedirlle que deixase de insistir

Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG) Imaxe de arquivo da Audiencia Provincial de Lugo (TVG)
G24.gal 10/06/2026 15:51

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a 11 anos e tres meses de prisión un home por un delito continuado de agresión sexual contra unha clienta súa con discapacidade na Pobra de San Xiao, no concello lugués de Láncara.

A sentenza considera acreditado que o acusado aproveitou a situación de vulnerabilidade da vítima para sometela a diversos actos de carácter sexual entre novembro de 2023 e abril de 2024.

Os feitos producíronse no establecemento comercial que rexentaba o condenado, ao que a muller, cunha discapacidade recoñecida do 65 %, acudía habitualmente como clienta. Segundo recolle a resolución xudicial, o procesado realizou múltiples chamadas telefónicas para que a denunciante acudise á tenda e, unha vez alí, levou a cabo distintas agresións sexuais, chegando a violala, a pesar de a oposición manifestada pola vítima en numerosas ocasións.

O tribunal considera plenamente crible o relato da muller, destacando que está corroborado tanto polas declaracións das testemuñas como polos informes periciais incorporados á causa. Ademais, a Audiencia resalta a existencia das numerosas chamadas efectuadas polo acusado para lograr que a denunciante acudise ao seu negocio.

"A razón que expón é totalmente ilóxica e incrible, pois dicir que a chamaba para que lle deixase en paz é totalmente absurdo, porque ben podería dicirllo cando acudía á tenda, sen que teñan xustificación esas chamadas reiteradas", matiza a sentenza.

Xunto á pena de prisión, a sentenza impón ao condenado o pago dunha indemnización de 30.000 euros á vítima polos danos morais sufridos. Tamén lle prohibe achegarse ou comunicarse con ela durante un período de 15 anos. A sala absolve, pola contra, ao acusado do delito leve de ameazas polo que tamén fora xulgado.

Alegou que era a muller a que o chamaba a el

Durante a vista oral, celebrada na Audiencia Provincial de Lugo, o home negou os feitos e asegurou que nunca mantivera relacións sexuais coa denunciante. Segundo a súa versión, era a muller quen o acosaba e as chamadas telefónicas realizadas tiñan como único obxectivo pedirlle que deixase de insistir. A vítima prestou declaración mediante proba preconstituida e a porta pechada para preservar a súa intimidade.

A Fiscalía solicitara inicialmente 13 anos de prisión por un delito de violación continuada, alén doutras medidas accesorias. Finalmente, a Audiencia Provincial conclúe que existían probas suficientes para condenar ao acusado por agresión sexual continuada, ditando unha pena de once anos e tres meses de cárcere.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade