Concorrida poxa das uñas de San Lázaro, con máis de 50 elementos na almoeda
Vinte e oito bolsas con seis uñas e outros tantos lotes variados integraron a poxa no día central da celebración do barrio compostelán
O santuario compostelán de San Lázaro é o foco da celebración da Festa da Uña, especialmente na mañá deste luns. Aquí xúntanse as ofrendas, patas de porco o que máis, para a poxa tradicional. Un ritual con orixe no século dezaoito, como lembra Fernando Neira, Harrys, presidente da Orde da Uña.
A organización dedica este ano a festa á memoria dos que foron poxadores. O produto doado este ano era de nivel alto, como sinalaba o poxador antes de entrar en faena no seu cuarto ano: "Unha herdanza que lle deixou seu pai", di o actual poxador, Carlos Mosquera.
A poxa das uñas vai vencellada ao calendario católico e para a veciñanza é o día da maior celebración no barrio de San Lázaro, como nos di Carme desde a ventá onde segue o evento e nos permite amosalo na súa integridade.
E para demostralo, abriunos a cociña un dos dezaseis restaurantes do barrio que desde o venres e ata a noite do luns ofrecen na súa carta tan apetecible prato. Diego Bascoy, cociñeiro do Hotel San Lázaro, preséntanos o prato por excelencia nos restaurantes deste barrio de Santiago durante estes días.
Ademais de nos restaurantes do barrio, noutra ducia deles da área de Santiago pódense comer as uñas de San Lázaro e gozar dunha tarde e noite de festa completa.