Unha empanada de millo en Valga con trinta metros de sabor
O concello pontevedrés celebra na parroquia de Cordeiro a 29 edición da Festa da Empanada de Millo
As zaragalladas son diversas pero todas apetecibles
O éxito é tal que as racións desaparecen en poucos minutos
A principios de xuño a asociación veciñal e cultural de Cordeiro sabe que chegou o seu día. Xa van 29 edicións da festa que se celebra nesta parroquia do concello pontevedrés de Valga e para a cal unhas trinta persoas levan traballando unha semana.
"Queremos restaurar a nosa empanada de millo tradicional. A semana anterior collemos e fixemos unha empanada para gardar o fermento e facer esta. É distinta", asegura Manuel Carbia, presidente da asociación veciñal, cultural e deportiva de Cordeiro (Valga).
Para satisfacer a todos os veciños e visitantes, fixeron unha empanada xigante, de trinta metros de lonxitude. A base é a empanada de millo pero con múltiples recheos.
"Hai de zorza, de choco, de zamburiña, de mexillón, de cebola con azucre", conta Rufina Saborida, unha das encargadas de repartir o manxar entre os asistentes.
As racións véndese a entre tres e catro euros, dependendo do recheo, e segundo os asistentes, non hai variedade que se lles resista.
"A de choco deste ano está moi boa, pero a de zamburiña é espectacular", comenta un dos visitantes á festa.
Os organizadores recoñecen que o recheo de bacallau con pasas é o que ten máis éxito, pero que todas as variedades desaparecen en minutos. Tal é o éxito, que para o vindeiro ano haberá que pensar en facer unha empanada aínda máis grande.