Concepción Pombo Romero, nova directora xeral da CSAG
A nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia, anteriormente CRTVG, foi elixida no pleno do Parlamento galego cos votos a favor do PPdeG

Concepción Pombo Romero foi elixida este martes nova directora xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), anteriormente CRTVG, polo pleno do Parlamento galego, cos votos a favor do grupo maioritario do PPdeG. A designación foi posible na terceira votación, con maioría absoluta, tal como recolle a nova lei de servizos dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia.
Pombo Romero, que substitúe no cargo a Alfonso Sánchez Izquierdo, é licenciada en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela e conta con dúas décadas de experiencia profesional na CRTVG. Desde 2017 é directora da área de Información e Documentación da corporación.