Publicador de contidos

Publicador de contidos

Competir por criterios, por María Bastida

OPINIÓN

Competir por criterios, por María Bastida

María Bastida 04/02/2026 08:05

O relevante do novo Plan de Patrocinios do Xacobeo 2027 non é tanto que eventos concretos se van financiar, senón como se decide. Esa é a primeira gran clave e tamén o principal cambio respecto de experiencias anteriores. Non estamos ante un programa pechado nin ante un catálogo predeterminado de actuacións, senón ante un marco estratéxico de decisión aberto á concorrencia. Desde o punto de vista económico, introduce competencia entre proxectos, abre espazo á innovación, favorece a diversidade de propostas e dá seguridade xurídica ás empresas, que saben de antemán a que aterse e que poden esperar do seu investimento.

En canto ao tipo de eventos, o plan é deliberadamente amplo, e isto non responde a indefinición, senón a unha aposta consciente. A vocación non é concentrarse nun único formato nin nun só sector, senón construír unha programación diversa, na que teñan cabida proxectos grandes e pequenos, urbanos e rurais, consolidados e emerxentes. O fío condutor é claro, iniciativas con capacidade de xerar retorno económico, social e reputacional para Galicia. Non se trata de financiar actividades illadas, senón de coconstrución, de crear proxectos con percorrido e impacto máis alá do evento puntual.

Aquí entra un elemento clave: a dimensión territorial. O plan permite que o Xacobeo non se concentre en poucos nodos, senón que teña alcance en todo o territorio, activando economías locais e distintos tipos de tecido empresarial. Desde a economía pública, isto é especialmente relevante, porque amplía a base de beneficiarios e mellora a eficiencia do impacto. Outro aspecto central é a aposta pola colaboración público-privada e entre empresas. Este non é un instrumento pensado só para grandes operadores. Facilita que pequenas e medianas empresas poidan concorrer, asociarse, sumar capacidades e presentar proxectos máis ambiciosos. Isto non só diversifica os participantes, senón que fortalece o tecido empresarial e reduce riscos individuais.

Nesa mesma lóxica aparece o copatrocinio, non como unha esixencia formal, senón como un mecanismo de calidade. Cando un proxecto mobiliza recursos privados adicionais está enviando un sinal claro de viabilidade, interese de mercado e compromiso. Ademais, permite compartir riscos e multiplicar o impacto do investimento público sen substituír o esforzo privado, algo moi valorado desde a economía pública. As empresas entran así nun marco estable e concorrencial, non nunha negociación ad hoc: coñecen o itinerario completo, desde a presentación da proposta ata a medición de resultados.

A seguinte clave é a profesionalización do patrocinio público. O plan introduce criterios claros de avaliación e unha gobernanza que separa coordinación, avaliación e decisión, achegando o patrocinio público a lóxicas máis propias da xestión empresarial. Precisamente por iso é un modelo esixente: un marco aberto só funciona se se aplica con rigor, previsión e capacidade técnica.

En resumo, máis que unha lista de eventos, o Plan de Patrocinios é unha infraestrutura de decisión e de cooperación. Se se aplica ben, pode mellorar de forma moi significativa a calidade, a diversidade e o impacto do Xacobeo, e deixar un legado que vai máis alá do Ano Santo: aprendizaxe institucional, confianza no sistema e orgullo de pertenza a un proxecto colectivo mellor gobernado.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar