Comparsas e carrozas enchen de cor e fantasía e animan as rúas de Ourense
A chuvia respetou o desfile e do outro lado das barreiras estivo un público entregado e disposto a deixarse sorprender
Para divertirse no entroido, non hai idade recomendada. Grandes e pequenos gozaron dunha tarde de colorido e fantasía polas rúas húmidas de Ourense. Ata os ritmos caribeños se axustaron ao clima local.
"Queremos demostrar distintos bailes de Colombia, do Pacífico ao Atlántico e o interior do país", explica unha participante.
A chuvia estivo aí, ameazando, pero respectou a posta en escena, desafiada polos guerreiros das nubes.
"Isto é un espectáculo visual que se chama Rock in the Air, bailando no aire", sinala un dos participantes.
Do outro lado das barreiras, un público entregado e disposto a deixarse sorprender.
Colexios, asociacións, clubs deportivos, negocios... neste desfile participan múltiples colectivos da cidade que o teñen xa como unha tradición.
"Somos do club Roller Ourense, un club de patinaxe". "Nós somos do cole Franciscanas. As familias e os nenos fixeron os disfraces con moito cariño", comentan as integrantes de dúas comparsas.
Cariño, traballo e moito sentido do humor. E aínda quedan días para seguir gozando.