Compañeiros e profesores do IES Lucus Augusti fan unha homenaxe ao rapaz desaparecido nos Peares
A familia de Juan Víctor, que participou no acto, agradeceu a mostra de cariño
Mañá chega aos Peares un robot submarino para incorporalo á busca do rapaz desaparecido hai dez dias ao envorcar o seu caiac
O regreso ás clases está a ser moi duro no IES Lucus Augusti, onde estudaba Juan Víctor, o rapaz de 19 anos que desapareceu hai 10 días nos Peares ao envorcar un caiac.
Compañeiros e profesores do instituto en que estudaba organizaron un acto para recordalo e en apoio á súa familia, que estivo presente no acto.
Juan Víctor Vivaldo estudaba segundo de bacharelato no centro e, aínda que moitos dos seus compañeiros sabían da desgraza, non foi ata a volta da Semana Santa cando todos coñeceron o triste suceso.
"Queremos transmitirlle á familia o noso cariño por este triste suceso. Nos soubémolo á volta das vacacións de Semana Santa e estamos todos profundamente consternados", di Carmen Correa, Vicedirectora do IES Lucus Augusti.
"Relizamos esta concentración para amosar o noso apoio á familia que está pasando un momento moi duro. Queremos manifestar o noso apoio e cariño e que non se sintan sós e arrupoados polo profesorado e polos compañeiros porque realmente estamos todos moi afectados".
"Foi chegar e atoparnos con esta nova tan triste. Aínda o estamos dixerindo. Eu son a sua titora e profesora de filosofia. Era un rapaz que se facía moi presente en clase, moi participativo e espcialmente alegre", comenta a titora de Juan Víctor, Mar Carballo.
Juan Víctor despareceu na tarde do 30 de marzo en augas do Miño, cando un golpe de vento revirou a embarcación en que navegaba co seu curmán, que logrou saír e pedir axuda.
Os familiares de Juan Víctor están moi agradecidos coas mostras de apoio e polo esforzo dos equipos despregados no encoro dos Peares. Esperan que a incoporación dun robot subacuático permita localizalo, que chegará mañá á zona procedente de Madrid.