Como recuperar o monte queimado? Parderrubias renace tras a vaga de incendios de 2017
Esta parroquia de Salceda de Caselas é un exemplo de restauración
Volveron plantar eucaliptos, pero tamén outras especies
Ao principio só supón gastos, os beneficios chegarán a medio prazo
Primeiro hai que apagar o lume, pero logo tocará pensar na recuperación. E iso aínda vai levar máis tempo.
A vaga de incendios que sufriu Galicia en 2017 supuxo empezar de cero nalgunhas zonas afectadas, posto que quedaron practicamente arrasadas. Deseñáronse plans de restauración que, oito anos despois, empezan a dar os primeiros froitos.
Podemos tomar como exemplo Parderrubias, no concello pontevedrés de Salceda de Caselas. Alí, as lapas arrasaron un cuarto do monte comunal. Para a Asociación Forestal Galega, é un bo modelo do que se pode facer. En 2019 eles redactaron un proxecto que dende aquela está seguindo a comunidade de montes.
O criterio fundamental foi a orde: manter e ampliar as franxas de seguridade arredor das vivendas e plantar árbores por zonas. Preto das casas, colocaron especies que resistan mellor o lume, como carballos e castiñeiros. E, si, volveron plantar eucaliptos, pero agora están en puntos concretos que se poidan apagar con certa facilidade se se produce un novo incendio.
"Agora está ordenado. Agora sabemos que en tal zona temos frondosas; en tal, piñeiro; e o eucalipto reagrupouse", explica o tesoureiro da comunidade de montes, José Vaqueiro Fandiño.
"O que intentamos é sempre plantar frondosas arredor das casas, para que non haxa problemas de incendios. Nunha zona intermedia plantamos piñeiros. E na parte de arriba, plantamos eucaliptos porque unha comunidade, se non ten eucaliptos, non pode subsistir", completa o presidente dos comuneiros, José Estévez.
Pero o traballo, nin moito menos, quedou aí. Agora hai que manter coidado o monte. Ano a ano, mes a mes. Son esenciais as rozas, para eliminar matogueira, e tamén é imprescindible conservar en bo estado as pistas, entre outras cousas para facilitar o paso dos vehículos de emerxencia se chega a haber outro incendio. Ademais, nuns anos, terán que facer podas, porque as árbores van crecendo. Todo iso, por suposto, supón cartos. Pero en Parderrubias teñen claro que cómpre gastar para poder obter proveito no futuro.
"O que queira plantar lume nun monte, vaino plantar", afirma o presidente dos comuneiros. "É totalmente inviable ter un monte limpo a todas horas todos os anos. É imposible. O que hai que tratar é de telo limpo sempre arredor das casas, para que non ardan".
"O rendemento é para as futuras xeracións, que miren que un monte ben xestionado crea riqueza, pero a medio ou longo prazo, non é xa", explica o tesoureiro da comunidade de montes. "O monte non é: corto, corto e deixámolo ao seu aire... Non, hai que xestionalo".
Oito anos despois do lume, neste monte de Salceda xa se ve algo de riqueza. E pode ollarse a simple vista. Os pequenos castiñeiros máis próximos á estrada xa teñen ourizos. Este outono en Parderrubias poderán facer algún magosto.