Como e a quen reclamar os danos nas fochancas das estradas?
A responsabilidade é da administración titular da vía pero o habitual é que a reclamación "quede en nada"
Os seguros a terceiros non cobren estes incidentes e moitos a todo risco tampouco
Os camioneiros sofren "danos continuados" polo mal estado do firme dos que ninguén se fai cargo
É coma ir de oca en oca, pero neste caso de buraco en buraco. Non hai coche que o resista. Nin sequera este de alta gama que están vendo: un Maserati que quedou sen roda nunha fochanca.
"É unha grande e rodas novas. Cortouna, non porque tivera desgaste ou pouca superficie de rodadura senón porque pillou un buraco e aí non hai quen escape. Cortas a roda e amolas a pina", explica Alejandro Rey, propietario dun taller de pneumáticos.
Tras o golpe na roda, comeza o calvario da reclamación.
"O cliente deu parte ao seguro, pero non se fan cargo porque despois é pelexar con quen teñen que pelexar e non acaba en nada", engade Rey.
"O que temos que facer en primeiro lugar é documentar o que aconteceu. Por iso é fundamental facer fotos, vídeos, ter testemuñas que poidan achegar a súa declaración nun momento e, se é posible, chamar á Policía Local ou á Garda Civil de Tráfico para que levanten un atestado do que aconteceu", recomenda Miguel López, secretario xeral de Consumidores de Galicia.
A cobertura de rodas merece capítulo á parte.
"Está a todo risco e todo pero tema de rodas, non. Salvo que teñas un seguro á parte para pneumáticos, non cobre o seguro para nada", lamenta o propietario do taller.
"Hoxe en día xa é moi común atopar seguros que non cobren danos en pneumáticos, danos en cristais e outros danos de distinto tipo. Non se podería permitir a denominación de seguro a todo risco cando finalmente hai tanta sorte de seguros que non cobre", advirte o representante dos consumidores.
Xa non digamos nun seguro a terceiros. Aí o condutor está perdido.
"O normal é que o cliente pague o coche e despois coa factura, que reclame ao seguro e que o seguro reclame ao titular da vía pero iso pode tardar un ano, dous ou cinco meses e ás veces queda en nada. Entón, quen carga é o cliente", salienta Rey, en base á experiencia.
Máis alá dos danos puntuais, un rebentón, amortecedores, está o desgaste acumulado no día a día. Quéixanse sobre todo os profesionais do volante.
"Estamos tendo o problema de demostrar os danos acumulativos que están sufrindo os camións. Non falamos só dunha fochanca senón dun firme en mal estado. É moi difícil conseguir que a Administración asuma a responsabilidade", confirma Gloria Álvarez, delegada na Coruña de Apetamcor.
Á espera do parcheo, non queda outra que ir de lado a lado do carril para non deixar a roda a medio camiño.