O número de hipotecas asinadas en Galicia sobe un 22,3 % en 2025
Os créditos concedidos para a adquisición de vivenda alcanzaron o seu máximo desde 2011
Arquivo (Europa Press)
O número de hipotecas sobre vivenda inscritas nos rexistros da propiedade en Galicia situouse en 2025 en 19.139, un 22,3 % máis ca o ano anterior e o valor anual máis alto desde 2011.
Segundo os datos provisionais publicados este xoves polo Instituto Nacional de Estatística (INE), o capital prestado para esas hipotecas ascendeu a 2.372 millóns de euros.
O importe medio foi duns 123.936 euros, preto de 48.600 euros menos que a media de todas as comunidades autónomas.
Por provincias, subscribíronse 9.194 hipotecas na Coruña, 6.211 en Pontevedra, 2.174 en Lugo e 1.560 en Ourense.
No total da comunidade, canceláronse 18.402 hipotecas sobre vivenda ao longo do ano.
O número de hipotecas subscritas sobre todo tipo de propiedades en Galicia ascendeu a 26.403, das que 26.005 foron urbanas e 398, rústicas.
Do total de urbanas, ademais das 19.139 sobre vivendas, houbo 138 sobre solares e 6.728 sobre outro tipo de propiedades como oficinas, garaxes e rochos.
Só en decembro, constituíronse 2.073 hipotecas en Galicia, das cales 1.536 foron sobre vivenda.
No conxunto de España, o número de hipotecas sobre vivendas superou en 2025 o medio millón, 501.073 operacións, o que supón un 17,8 % máis que un ano antes e a cifra máis alta desde 2010.