Corgos: "Non había alternativa, ou era unha colaboración público-privada ou non era"
Corgos: "Non había alternativa, ou era unha colaboración público-privada ou non era"
Referiuse á crise financeira que había no mercado e que o problema "eran os cartos" porque ninguén outorgaba ese financiamento
Na comisión de investigación sobre os contratos da Xunta compareceu un representante de Garrigues, a empresa á que o Goberno de Touriño lle encargou un informe sobre a viabilidade de construír un hospital a través dunha sociedade público-privada
Alfredo Fernández Rancaño dixo que nesa época era imposible construír un hospital con cartos públicos e que a súa proposta foi facelo a través dunha sociedade mixta cun 90 % de capital privado.
O actual conselleiro de Facenda, que durante o bipartito era subdirector xeral de control orzamentario, coincide en que a única vía que tiña o bipartito para construír o novo hospital de Vigo era a través dunha sociedade público-privada .
Corgos manifestou que "non había alternativa, ou era unha colaboración público-privada ou non era". Referiuse á crise financeira que había no mercado e que o problema "eran os cartos" porque ninguén outorgaba ese financiamento.
Lamentou que agora BNG e PSdeG reprochen á Xunta do PP que apostase “pola prioridade” de construír este hospital e optar pola única fórmula que non xerase débeda.
Corgos asegurou que o Goberno bipartito do PSdeG e BNG (2005-2009) encargou un informe de viabilidade para a construción do hospital que tamén recomendaba esta forma de construción. En base a iso, advertiu que ou ben o Executivo de Emilio Pérez Touriño non pensaba construír o hospital ou pensaba usar a mesma fórmula pero “menos transparente”, porque estudaban levantar a infraestrutura a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI).
Para o deputado do BNG Iago Tabarés, a intervención de Corgos pon de manifesto que o obxectivo dos representantes da Xunta chamados a comparecer nesta comisión é botar por terra o informe realizado polo Consello de Contas e que fala dun gasto maior do necesario pola fórmula concesional elixida, segundo dixo.
A deputada do PSdeG Patricia Iglesias puxo o foco no “aumento” de contratación menor nos últimos anos, mediante contratos “partidos”, a pesar de que esta fórmula é “caldo de cultivo de casos de corrupción”. A parlamentaria denunciou “o conflito de intereses” que supón a multitude de contratos a empresas con “vínculos familiares e persoais” de cargos do PP, como é o caso de Eulen, empresa que en Galicia dirixe a irmá do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
En relación con isto, o deputado nacionalista tamén criticou que o PP, co plan de traballo imposto, impida aos grupos da oposición ter acceso á documentación referente a esa “contratación discrecional e en moitos casos arbitraria”. Para os grupos que teñen o encargo de fiscalizar ao goberno resulta “dificilísimo e case imposible” acceder a esta documentación polo que non se pode saber “canto aforrariamos” se en lugar de contratos menores licitáronse en concorrencia, denunciou Tabarés.
Respecto diso, o conselleiro asegurou que empregar este modelo para “pequenas compras” débese a unha cuestión de “rapidez” e para “buscar a eficiencia” De feito, é no campo sanitario no que se concentra o maior uso de contratos menores e concéntrase en “compra de produtos farmacéuticos e sanitarios para os centros hospitalarios” que se rexen por patentes das empresas. Pero “en ningún caso está a incumprirse a lei” e, de feito, a contratación menor baixa considerablemente noutras materias da Administración pública, defendeu.