Comezan as compras de decoración para o Nadal
Quedan máis de dous meses, pero xa hai quen está a mercar a decoración para as festas
Unha tenda de Pontevedra, dedicada a este tipo de artigos, xa tivo que repoñer varios produtos
Cruzar a porta da tenda Christmas Pop-Up Store de Diflor, en Pontevedra, é como dar un salto no tempo para chegar a decembro aínda en manga curta. Este negocio só abre uns meses ao ano, xusto antes do Nadal.
Ana Belén Barreiro, a súa propietaria, explica como naceu este comercio efémero: "esta tenda nace porque eu teño unha floristería e os preparativos de Nadal e defuntos xúntanse. Decidín montar o Nadal antes noutro espazo diferente".
Aquí venden árbores, bólas, figuras, nacementos, e mesmo poden montar toda a decoración dunha casa.
"A cor marrón, as cores naturais, están en tendencia na moda e quedan moi elegantes tamén na decoración de Nadal misturados coa cor manteiga. Os vermellos e os dourados tampouco poden faltar", explica Ana Belén.
Ademais das cores e figuras tradicionais, cada ano chegan novidades.
"Por exemplo, os trasgos en tamaño grande, pezas especiais de nacementos, temos tamén este ano unha colección de osos en tonos chocolate. Xa tivemos que facer pedidos para chegar ás reservas que temos e só levamos tres días abertos", detalla a responsable da tenda.
Estímase que de media cada fogar galego pode gastar entre 100 e 130 euros en decoración para o Nadal.