Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza o libre marisqueo en Arousa co banco dos Lombos pechado

Comeza o libre marisqueo en Arousa co banco dos Lombos pechado

Os rañeiros non teñen boas expectativas e dan por feito que a campaña rematará en decembro

O berberecho dos Lombos non dá a medida comercial e temen que morra no inverno

G24.gal 02/10/2023 14:10

Desanimados. Así estaban os rañeiros de Arousa no primeiro día de libre marisqueo. Despois dunhas horas no Boído, baixo a ponte da Illa, as capturas eran escasas. Din que cada vez é menos rendible saír apañar e son pesimistas coas previsións de campaña.

"A situación é mala, os Lombos non se abriron, en Cabío aí só vemos algo de reló e de ameixa rubia e no Bohído é onde vemos algo de recrutamento e máis talla comercial, pero haberá mais presión de barcos" explica Juan Rial Millán, presidente da Asociación de Rañeiros de Arousa.

A principal preocupación está nos Lombos do Ulla, de novo pechados ao marisqueo. Hai máis berberecho ca nunca, pero pequeno, e temen que acabe morrendo no inverno.

"Agora son como 'canicas', non valen, o único bo que vemos é que polo momento alí non está actuando o parasito da Marteilia e ao mellor sálvase. Pero iso ata o ano non se sabe, pode morrer no inverno pola baixa salinidade da auga ou porque lle acabe entrando o parasito", engade Juan Rial Millán.

A incerteza esténdese entre os mariscadores de Arousa. Mentres buscan solucións para rexenerar os bancos, piden que polo menos lles dean permiso para apañar o reló, un bivalvo co que completar as rendas.

"Xa non é unha especie acompañante, é unha especie obxectivo polo valor comercial que ten, e iso suporía un balón de aire para que aos mariñeiros lles saia rendible traballar", comenta Millán.

Podería durar ata marzo, pero aquí dan por feito de que a campaña de libre marisqueo rematará en decembro. Mentres, seguirán traballando coa esperanza de que o marisco volva encher os raños.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar