Comeza este luns a campaña da gripe nas residencias e centros sociosanitarios
Recibirán a dose de alta carga que este ano se amplía a todas as persoas de 70 a 79 anos
A partir do 13 de outubro comeza a vacinación de menores dos seis meses aos 11 anos
Iniciarase un proxecto piloto de vacinación fronte á gripe en 55 colexios por vía intranasal

Este luns comeza nas residencias de maiores e nos centros de persoas con discapacidade de Galicia a campaña de vacinación fronte á gripe e á covid da temporada 2025-2026, que se estenderá ata o vindeiro 31 de decembro.
Como novidade, este ano tamén recibirán as doses reforzadas todas as persoas con idades comprendidas entre os 70 e os 79 anos, debido á evidencia científica acadada co ensaio clínico Galflu que demostrou o incremento da protección nesta franxa.
A consellería de Sanidade subliña o compromiso da cidadanía galega coa vacinación e, especialmente, das persoas maiores. Na última campaña, Galicia volveu ser líder nas taxas de cobertura tanto en gripe coma en covid.
De feito, a taxa de vacinación da gripe en maiores de 65 anos en Galicia foi dun 71 %, fronte ao 58,4 % en España.

Vacinación infantil
Outra das novidades da campaña é a ampliación da inmunización fronte á gripe ata os 11 anos e a posta en marcha dun programa piloto de vacinación escolar, coa aplicación da vacina fronte á gripe por vía intranasal.
A partir do vindeiro 13 de outubro aplicarase en 55 centros educativos para o alumnado de 4º, 5º e 6º de educación infantil e de todos os cursos de educación primaria. Búscase chegar aos 19.000 menores de entre 3 e 11 anos, é dicir, nados entre 2014 e 2022.
En función das coberturas de inmunización acadadas, a Xunta avaliará a extensión do proxecto piloto ao resto de centros escolares en futuras campañas de vacinación.

Os centros educativos seleccionados da área sanitaria da Coruña e Cee son:
-CEIP Eusebio da Guarda, CEIP plurilingüe María Barbeito e Cerviño, CEIP Raquel Camacho e CPR plurilingüe Fogar de Santa Margarida (A Coruña); CEIP Ramón Otero Pedrayo (A Laracha); CEIP Francisco Vales Villamarín (Betanzos); CEIP Fogar (Carballo); CPR plurilingüe Andaina (Culleredo); e CPR plurilingüe Hijas de Cristo Rey (Oleiros).
Na área sanitaria de Ferrol os centros educativos participantes no programa son:
-CEIP plurilingüe San Xoán de Filgueira e o CPR plurilingüe Sagrado Corazón, ambos no concello de Ferrol.
Colexios pertencentes á área sanitaria de Lugo, Monforte de Lemos e A Mariña:
-CEIP plurilingüe Vista Alegre (Burela); CPI plurilingüe Virxe do Monte (Cospeito); CPI plurilingüe Dr. López Suárez (Friol); CEIP plurilingüe Lagostelle (Guitiriz); CEIP Luís Pimentel e CPR plurilingüe San José (Lugo); CPR plurilingüe Nuestra Señora de la Asunción (Sarria); EEI Vilalba (Vilalba); e CPR plurilingüe Landro (Viveiro).
Centros seleccionados na área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras:
-CPR Pablo VI Fátima (A Rúa); CPI plurilingüe Antonio Faílde (Coles); CPI Terras de Maside (Maside); CEIP plurilingüe Calvo Sotelo e CPR plurilingüe Sagrado Corazón (O Carballiño); CPR plurilingüe Miraflores (O Pereiro de Aguiar); CEIP plurilingüe Irmáns Villar e CPR plurilingüe Divina Pastora (Ourense); CPR plurilingüe María Inmaculada (Verín); e CEIP Carlos Casares (Xinzo de Limia).
Na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés os centros escolares son:
-CPR Sonrisas y Lágrimas (A Illa de Arousa); CEIP San Tomé (Cambados); CEIP A Xunqueira II e EEI Concepción Crespo Rivas (Pontevedra); e CEIP plurilingüe Arealonga e CPR plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa).
Na área sanitaria de Vigo os colexios escollidos son:
-CRA María Zambrano (O Rosal); CPR plurilingüe Lar (Mos); CRA Raíña Aragonta (Salceda de Caselas); CEIP plurilingüe Infante Filipe de Borbón (Salvaterra de Miño); e CEIP plurilingüe García Barbón, CEIP Pprilingüe Pintor Laxeiro, CPR plurilingüe Santiago Apóstolo e EEI Vila Laura (Vigo).
Por último, na área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza os colexios participantes son:
-CPR plurilingüe Nosa Señora de Lourdes (A Estrada); EEI do Milladoiro (Ames); CPR plurilingüe Nosa Señora do Rosario (Arzúa); CEIP Xesús Golmar (Lalín); CEIP plurilingüe O Coto (Negreira); CEIP Alfonso D. Rodríguez Castelao (Ordes); CEIP plurilingüe do Camiño Inglés (Oroso); CPR plurilingüe Nosa Señora Inmaculada (Santa Comba); CEIP das Fontiñas e CPR plurilingüe La Salle (Santiago de Compostela); e CPR plurilingüe María Inmaculada (Silleda).
Para o resto de nenas e nenos de 6 meses a 11 anos, a vacinación facilitarase no seu centro de saúde. Do mesmo xeito, esta campaña non será preciso recorrer á apertura de grandes recintos e todas as persoas chamadas a vacinarse poderán facelo no seu centro de atención primaria.
Está previsto que as persoas maiores de 70 anos comecen a ser citadas a partir do 20 de outubro.