Publicador de contidos

Publicador de contidos

Tres voos atrasados en Santiago no inicio da folga en Ryanair

Tres voos atrasados en Santiago no inicio da folga en Ryanair

A folga está previsto que se prolongue desde hoxe ata o 7 de xaneiro de 2023, ante a negativa da compañía de negociar un novo convenio colectivo cos tripulantes de cabina

USO e Sitcpla convocan os 1.600 traballadores de Ryanair, Crewlink e Workforce a paros de 24 horas de luns a xoves

As próximas semanas vai afectar unha media de 130.600 viaxeiros cada día

G24.gal 08/08/2022 08:50 Última actualización 08/08/2022 10:13

A primeira xornada de folga á que están convocados desde este luns os tripulantes de cabina de pasaxeiros en Ryanair deixou un total de 10 voos cancelados e 51 demorados ata as 9:00 horas.
No caso do aeroporto compostelán tres voos sufriron atraso.

Os tripulantes de cabina de pasaxeiros (TCP) de Ryanair están convocados desde este luns a unha nova folga, a terceira no que vai de verán, e que se prolongará ata o próximo 7 de xaneiro de 2023 ante a negativa da compañía de negociar un novo convenio colectivo.

Concretamente, os sindicatos USO e Sitcpla convocaron os 1.600 traballadores pertencentes ás empresas Ryanair, Crewlink e Workforce a paros de 24 horas de luns a xoves, que durante as dúas primeiras semanas afectarán 1,04 millóns de pasaxeiros, cunha media de 130.600 viaxeiros cada día.

Esta nova convocatoria súmase aos paros convocados a finais de xuño e durante gran parte de xullo por USO e Sitcpla, e que provocaron cancelacións e atrasos nos aeroportos españois nos que opera Ryanair, especialmente en Barcelona-O Prat e Palma de Mallorca.

A folga estenderase ata principios de xaneiro, coincidindo co período vacacional de agosto e Nadal, épocas en que habitualmente se rexistran uns niveis de tráfico moi elevados.

Durante a folga, o ministerio de Transportes español fixou uns servizos mínimos que van do 68 % ao 85 % en voos nacionais cara a ou desde as illas, e do 36 % ao 60 % nos peninsulares cuxo tempo de desprazamento en transporte público sexa igual ou superior a 5 horas e voos internacionais.

En canto aos voos nacionais peninsulares cuxo tempo de desprazamento en transporte público sexa inferior a 5 horas, que de momento durante os días de folga están programados unicamente en Barcelona, os servizos mínimos oscilan entre o 34 % e o 38 %.

Os paros prodúcense nun contexto marcado polo caos aeroportuario que están a sufrir durante este verán boa parte dos principais aeroportos europeos, debido á rápida recuperación da demanda, os conflitos laborais e a escaseza de persoal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade