Comeza a rapa das bestas en Sabucedo cun primeiro curro moi mediático
Máis dun cento de medios de comunicación cobren a festa, que vai durar catro días
Sabucedo acolleu este sábado o primeiro curro da rapa das bestas deste ano. Un total de 200 cabalos foron rapados, marcados e desparasitados dende as sete da tarde nunha tradición declarada festa de interese turístico internacional dende 2007.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, estivo no curro canda o alcalde da Estrada. Máis dun cento de medios de comunicación de distintos países do mundo están cubrindo o proceso e mesmo se está a rodar unha película de como os "aloitadores" someten os cabalos bravos antes de devolvelos ao monte.
A festa da rapa vai durar catro días. Nela os rapaces inícianse apartando os poldros antes de que os maiores salten sobre as bestas e os garañóns. Un dos aloitadores resultou conmocionado no curro, pero sen maiores consecuencias.
