Publicador de contidos

Publicador de contidos

Comercializadoras eléctricas amosan interese no programa “Mondigo Beneficia”

Comercializadoras eléctricas amosan interese no programa “Mondigo Beneficia”

A sociedade público-privada Recursos de Galicia (RDG) ofrece descontos do 80% na factura da luz de 500 familias próximas ao parque eólico de Mondigo

Dende mañá técnicos de RDG asesorarán aos veciños nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo

O Ceo de RDG ve positivas as decisións encamiñadas a acabar co bloqueo xudicial dos proxectos eólicos en Galicia

 

G24.gal 29/03/2026 09:30 Última actualización 29/03/2026 09:40

O Conselleiro Delegado de Recursos de Galicia (RDG),  afirma que o parque eólico de Mondigo, na provincia de Lugo, “é o primeiro exemplo da nova política eólica de Galicia”.

Na entrevista dos domingos do Galicia por Diante da  Radio Galega, Emilio Bruquetas sinalou que este proxecto ten como obxectivo abaratar a factura da luz dos veciños e das empresas situadas na contorna dos aeroxeradores.

“Baseáse en catro piares fundamentais: beneficios directos para a veciñanza dos parques; custos máis baratos e estables da enerxía para as empresas galegas; abrir a propiedade deses parques aos concellos nos que se asentan e o cuarto piar e o fundamental, que todos os beneficios da enerxía repercutan en Galicia”

O responsable da sociedade mixta, participada pola Xunta e por outras 32 empresas, indicou que o parque eólico de Mondigo, entre os concellos lugueses de Barreiros, Trabada e Ribadeo, beneficiará a 500 fogares que están nun raio de 1,8 quilómetros de distancia tanto dos aeroxeradores como da liña de evacuación. Estas familias obterán un desconto do 80% na súa factura da luz.

“Terán un desconto do 80% da parte eléctrica da factura. Nós non podemos afectar ao que son as peaxes, aos custos regulados, aos impostos da factura pero si podemos actuar sobre a parte do consumo eléctrico”.

Emilio Bruquetas  explicou que os veciños teñen que cubrir un formulario na páxina web “rdgmondigo.gal” e subir as últimas doce facturas da luz. Para os que teñan dúbidas, a páxina ofrece un mapa coas vivendas que poden acollerse a este dereito e, dende mañá, técnicos de RDG trasladaránse aos concellos afectados para asesorar aos cidadáns.

“Esta semana estivemos cos alcaldes de Barreiros, Trabada e Ribadeo visitando á veciñanza, coñecendo de primeira man a realidade e, a partir de mañá, poremos  en marcha a atención directa con persoal de RDG nos edificios municipais”.

 Tamén sinalou que os beneficios se aplicarán nun prazo de seis meses, “cando o programa “Mondigo Beneficia estará plenamente operativo”, e con carácter retroactivo dende a data da solicitude.

O CEO de Recursos de Galicia, participada nun 34% pola Xunta,  sinalou que a comercializadora de RDG  será a a primeira en aplicar os descontos pero que xa están en conversas con outras comercializadoras do mercado que amosaron interese en sumarse ao programa.

“Todas as comercializadoras que queiran participar neste programa ‘Mondigo Beneficia’ están invitadas a facelo e, de feito, estamos a falar con varias delas que xa amosaron interese para concretar os termos da colaboración….Cantas máis sexan mellor para que a veciñanza poida elixir”.

Amais, Emilio Bruquetas explicou que as empresas da contorna tamén poden tirar proveito do parque eólico de Mondigo.

“Dende un punto de vista industrial non hai requisito de área…Estamos a buscar empresas da contorna para que nos axuden no mantemento do parque e para xerar valor. O único que teñen que facer é poñerse en contacto con RDG. Nós, dunha maneira proactiva, ao igual que fixemos cos veciños, achegarémonos ás empresas”.

O Conselleiro Delegado de Recursos de Galicia tamén indicou que lles ofrecerán aos concellos polos que discorre o parque participar no desenvolvemento e na xestión dos aeroxeradores “a través da entrada  no capital da sociedade”.

Emilio Bruquetas avanzou que RDG traballa nun proxecto máis amplo que afecta aos polígonos e aos portos de toda Galicia. Segundo explicou, están realizando unha auditoría integral sobre o consumo enerxético nestes espazos para ofrecer solucións específicas  ás empresas que se asentan nelas.

Dependencia enerxética

O responsable de Recursos de Galicia asegurou que nin RDG nin o goberno galego teñen dúbidas do “enorme  potencial” da comunidade en canto a recursos naturais polo que “temos a obriga de empezar a traballar xa para que repercuta na sociedade”.

“Galicia é unha das potencias renovables máis importantes de España e iso ten que ser unha panca de crecemento económico, de atracción de industria, de xeración de emprego e dun entorno máis estable a longo prazo e menos exposto a todos estes movementos estratéxicos que estamos a vivir”.

Emilio Bruquetas sinalou que a dependencia enerxética de Galicia aínda é moi alta porque entre o 65 e o 70% do combustible que consumimos vén do exterior e procede de fontes fósiles.

Bloqueo xudicial

O  CEO de Recursos de Galicia cualificou de “situación moi anómala” o bloqueo xudicial que mantén paralizados proxectos eólicos  en Galicia.

“Eu creo que todos os actores que invisten neste tipo de enerxías necesitan seguridade xurídica e é moi importante que este bloqueo xudicial se resolva canto antes”.

Preguntado pola decisión do Tribunal Superior de Galicia de apartar ao xuíz Luis Villares da sección que leva os casos eólicos, Emilio Bruquetas indicou que “as decisións encamiñadas a que o bloqueo xudicial do sector enerxético se resolva, son boas noticias”.


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade