Publicador de contidos

Publicador de contidos

Paquistán tenta mediar na guerra de Irán que continúa a súa escalada

Paquistán tenta mediar na guerra de Irán que continúa a súa escalada

Israel ataca Teherán e Irán pon na diana as universidades estadounidenses e hebreas

A República Islámica autoriza o paso de 20 barcos paquistanís por Ormuz nun xesto de confianza

Islamabad acolle un cumio internacional para coordinar unha posible saída á crise

directo Edificios residenciais danados polas bombas en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS
G24.gal 29/03/2026 08:26 Última actualización 29/03/2026 10:35

Na trixésima xornada da guerra iniciada por Israel e os Estados Unidos contra Irán continúan os ataques cruzados. 

Este domingo as tropas hebreas dirixen a súa ofensiva contra os centros de mando persa e as plantas de produción de armas en Teherán.

A República islámica responde aos ataques de Washigton e Tel Aviv contra as súas institucións educativas poñendo na diana as súas universidades en Oriente Próximo.

Os rebeldes hutíes do Iemen confirman a súa entrada no conflito co lanzamento de mísiles contra o sur do territorio israelí por segundo día.

Mentres, Paquistán celebra un cumio internacional para coordinar unha posible saída á crise que evite a expansión do conflito no Golfo Pérsico. 

Nun xesto de confianza, o Goberno dos aiatolás autorizou o paso de 20 buques comerciais paquistanís polo estreito de Ormuz.

Un coche oficial en Islamabad. REUTERS/Akhtar Soomro Un coche oficial en Islamabad. REUTERS/Akhtar Soomro

Cumio internacional en Islamabad

O Goberno de Irán acordou permitir o paso de 20 buques comerciais baixo bandeira paquistaní a través do estreito de Ormuz, concesión anunciada esta madrugada por Islamabad como "un paso cara á paz" no medio dos seus esforzos de mediación na guerra de Oriente Próximo.

O vice primeiro ministro e chanceler de Paquistán, Ishaq Dar, confirmou o acordo que permitirá o tránsito de dous barcos diarios por esta estratéxica ruta marítimo, restrinxida para o comercio global desd o inicio das hostilidades a finais de febreiro.

"Este é un xesto benvido e construtivo por parte de Irán e merece recoñecemento. É un presaxio de paz e axudará a marcar o comezo da estabilidade na rexión", declarou o xefe da diplomacia paquistaní a través dunha mensaxe publicada nas súas redes sociais.

Dar enmarcou este permiso como "un paso significativo cara á paz que fortalecerá os nosos esforzos colectivos nesa dirección", subliñou o chanceler, insistindo en que "o diálogo, a diplomacia e este tipo de medidas de construción de confianza son o único camiño a seguir".

Conversa con Pezeshkian

O levantamento parcial do bloqueo marítimo para Paquistán prodúcese apenas unhas horas despois de que o primeiro ministro paquistaní, Shehbaz Sharif, mantivera unha longa conversac telefónica co presidente iraniano, Masoud Pezeshkian.

Durante a chamada, Teherán esixiu a necesidade de "xerar confianza" como condición previa para avanzar no diálogo sobre a proposta de paz impulsada polos Estados Unidos e canalizada a través de Islamabad.

A capital paquistaní recibe este domingo os ministros de Asuntos Exteriores de Arabia Saudita, Turquía e Exipto. Serán dous días de consultas para coordinar unha posible saída á crise que evite a expansión do conflito no Golfo. 

Ataques en Teherán

Israel completou unha nova vaga de ataques contra "centros de mando móbiles" do Goberno iraniano e plantas de produción de armas en Teherán durante a pasada noite, segundo informa o Exército israelí.

Ademais, polo menos seis persoas faleceron e nove quedaron feridas feridas en dous bombardeos rexistrados de madrugada  nun peirao de Bandarpol e nunha zona residencial de Shaft, de acordo con medios oficiais persas.

As autoridades iranianas non ofrecen un reconto oficial de vítimas desde o 5 de marzo, cando anunciaron a morte de 1.230 persoas. A ONG opositora HRANA, con sede nos Estados Unidos, sitúa a cifra en 3.461, entre elas 1.551 civís.

Ameaza contra universidades

Nun comunicado recollido pola axencia iraniana Tasnim, vinculada ao corpo de elite da República Islámica, a Garda Revolucionaria asegura que "todas as universidades do réxime de ocupación (en referencia a Israel) e dos Estados Unidos son obxectivos lexítimos".

De feito, aconsella a "todos os traballadores, profesores e estudantes das universidades estadounidenses na rexión e residentes ao seu redor"  manterse a unha distancia dun quilómetro das institucións.

Na madrugada do sábado, os EUA e Israel bombardearon a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía en Teherán e o pasado xoves atacaron a Universidade Tecnolóxica de Isfahán, no centro do país, sen que se rexistraran vítimas mortais en ningún dos dous casos.

Segundo mísil dos hutís

Os rebeldes hutís do Iemen, aliados de Irán, levaron a cabo "a segunda operación militar" cun bombardeo de mísiles de cruceiro e drons dirixidos contra varios emprazamentos militares no sur de Israel, indica nun comunicado o portavoz militar do grupo, Yahya Sarea.

Pola súa banda, as Forzas de Defensa de Tel Aviv confirmaron a derruba dun dron, que fixo saltar as alarmas en Eilat, e a interceptación dun mísil antes de alcanzar a fronteira, segundo informa Times of Israel. 

O portavoz hutí afirmou que o grupo continuará cos seus ataques "nos vindeiros días" ata que Israel deteña as súas operacións militares, que cualificou de "crimes contra o pobo e os países da rexión".

11.000 obxectivos militares atacados

As Forzas Armadas estadounidenses atacaron máis de 11.000 obxectivos iranianos, incluíndo preto de 150 barcos, no primeiro mes da guerra contra Irán, afirmou o Comando Central dos Estados Unidos (Centcom).

Entre os obxectivos atacados, hai centros de mando e control, así como sitios de intelixencia do Cuerpo da Garda Revolucionaria, sinalou o Centcom, con sede en Florida, nun informe distribuído nas súas redes sociais. 

Tamén mencionou sitios de mísiles balísticos, submarinos iranianos, sistemas de defensa aérea, infraestrutura de comunicación militar, fábricas de drons e armas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade