Publicador de contidos

Publicador de contidos

Israel mata tres xornalistas no Líbano e Irán eleva o ton das súas ameazas

Israel mata tres xornalistas no Líbano e Irán eleva o ton das súas ameazas

Washington reforza a súa presenza naval coa despregadura de 3.500 mariños adicionais

O Iemen irrompe na guerra de Irán xusto cando se cumpre un mes do inicio da guerra

O coche no que viaxaban os xornalistas. REUTERS/Ali Hankir.
G24.gal 28/03/2026 08:19 Última actualización 29/03/2026 13:44

Un mísil lanzado na madrugada deste sábado contra Israel, segundo o Exército hebreo, fai entrar o Iemen na escena do conflito en Oriente Próximo.

Ocorre horas despois de que os hutís, que controlan gran parte da república arábiga, ameazaran con pasar á ofensiva para apoiar a Irán.

Xusto cando se cumpre un mes do inicio da guerra, os primeiros 3.500 mariños estadounidenses de reforzo chegan á zona.

Mentres, Israel continúa coas súas operacións en chan libanés. Este sábado, bombardeou un grupo de prensa no sur do país e matou tres profesinais da información.

Irán, pola súa banda, eleva o ton das ameazas e anuncia unha "resposta firme" tras o ataque contra as súas siderurxias de Mobarakeh e Juzestán.

Trump no aeroporto de Miami este venres. REUTERS/Elizabeth Frantz. Trump no aeroporto de Miami este venres. REUTERS/Elizabeth Frantz.

Mísil lanzado dende o Iemen

Israel detectou un mísil lanzado cara ao seu territorio desde O Iemen, segundo aseguran as Forzas de Defensa hebreas. É o primeiro no marco do conflito recente.

Horas antes os hutís, aliados de Irán, ameazaran con involucrarse na guerra no caso de que os EUA e Israel recibisen novos apoios ou se usase o mar Vermello para atacar Irán.

O portavoz militar do grupo insurxente, Yahya Sarea, asegurou teren "as mans no gatillo". 

Durante a guerra en Gaza, lanzaron máis de 1.800 ataques contra Israel en apoio a Palestina, de acordo coas súas propias cifras.

Manifestación hutí de apoio a Irán (Saná). REUTERS/Khaled Abdullah Manifestación hutí de apoio a Irán (Saná). REUTERS/Khaled Abdullah

O "estreito de Trump"

Neste contexto, o presidente dos Estados Unidos criticou duramente a participación da Organización do Tratado do Atlántico Norte no conflito.

Declarou sentirse "moi decepcionado" porque Arabia Saudita e outros dos seus "aliados" na zona, como Kuwait, Qatar, Barhein e os Emiratos Árabes Unidos, fixeron "máis" nesta guerra que a OTAN.

Durante a súa intervención, o líder republicano, a quen lle gusta rebautizar lugares xeográficos, cambioulle o nome ao estreito de Ormuz.

"Estamos a negociar agora (con Irán) e sería xenial se puidésemos facer algo, pero teñen que abrilo. Teñen que abrir o estreito de Trump, quero dicir, de Ormuz. Descúlpenme, síntoo moito, que erro tan terrible".

Trump insistiu en estar en conversas coa República islámica na liña do enviado especial dos EUA para o Oriente Próximo, Steve Witkoff, que anunciara reunións con Irán para "esta semana".

Imaxes de vítimas infantís en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS. Imaxes de vítimas infantís en Teherán. Majid Asgaripour/WANA vía REUTERS.

Feridos estadounidenses

No golfo Pérsico, polo menos doce militares dos EUA quedaron feridos nun ataque este venres contra unha base aérea en Arabia Saudita, segundo informan varios medios estadounidenses, que tamén reportaron danos en aeronaves do Pentágono.

Pola súa banda, Barhein interceptou varios ataques con mísiles e drons lanzados desde Irán ao igual que os Emiratos Árabes Unidos. En ambos os dous países provocaron incendios nos que varias persoas quedaron feridas.

Continúa a despregadura

O Comando Central dos EUA (Centcom) informou da chegada á área de operacións do buque de asalto anfibio USS Tripoli (LHA 7), con 3.500 mariños da Unidade de Expedicións Mariñas 31.

Paralelamente, o Centcom desmentiu as afirmacións da Garda Revolucionaria iraniana sobre un suposto ataque en Dubái que causaría 500 baixas estadounidenses, cualificando a información de "mentiras fabricadas para ocultar a degradación militar de Irán".

Un mísil iraniano voa cara a Israel. REUTERS/Ali Sawafta (foto de móbil). Un mísil iraniano voa cara a Israel. REUTERS/Ali Sawafta (foto de móbil).

Ataques en Irán

A central nuclear iraniana de Bushehr foi branco dun terceiro ataque dos EUA e Israel, malia as condenas do Organismo Internacional de Enerxía Atómica (OIEA).

Así e todo, as investigacións preliminares indican que o bombardeo non causou nin vítimas nin danos materiais ou técnicos na planta.

Ademais, Washington e Tel Aviv executaron unha nova vaga de ataques na capital iraniana. Desta volta, alcanzaron a Universidade de Ciencia e Tecnoloxía e a sede da Organización de Industrias Navais.

Segundo o mando xudeu, uns 50 cazas participaron na destrución de centros de investigación e desenvolvemento de armamento naval e sistemas de defensa. 

Edificio danado no centro de Israel. REUTERS/Tomer Neuberg. Edificio danado no centro de Israel. REUTERS/Tomer Neuberg.

Ataques en Israel

Irán tamén lanzou novos ataques contra Israel, a maioría interceptados, aínda que no centro do país impactaron proxectís e mesmo provocaron a morte dun home.

Teherán asegura que bombardeou un buque de apoio militar dos EUA preto do porto de Salalah (Omán) e alcanzou industrias pesadas en chan hebreo como represalia polos ataques aos seus centros económicos.

Ata o momento, en Israel morreron 19 persoas por mísiles iranianos e proxectís de Hezbollah, alén de catro mulleres que faleceron no territorio palestino de Cisxordania por un mísil de acio iraniano.

Novos ataques contra a capital libanesa. REUTERS. Novos ataques contra a capital libanesa. REUTERS.

Ameazas e denuncias de Irán

O presidente Masud Pezeshkian anunciou unha "resposta firme" tras os bombardeos contra as siderúrxicas de Mobarakeh e Juzestán. 

Pola súa banda, a Garda Revolucionaria denunciou o uso de bombas de acio (prohibidas internacionalmente) por parte dos EUA e de Israel na provincia de Fars, onde asegura que desactivou 122 destes artefactos.

Israel tamén denuncia desde hai semanas que Teherán está a usar este tipo de bombas.

Soldado hutí cunha ametralladora en Saná. REUTERS Soldado hutí cunha ametralladora en Saná. REUTERS

Bombardeos no Líbano

A aviación israelí continúa as súas operacións en chan libanés. Un ataque aéreo en Jazín acabou coa vida de tres profesionais da información: Ali Shaib (de Al Manar), Fatima Fatouni e o seu irmán, o cámara Mohamed Fatouni (ambos os dous de Al Mayadeen).

Como noutras ocasións, Israel xustificou o ataque afirmando que Shaib pertencía á intelixencia da Forza Radwan de Hezbollah baixo o disfrace de reporteiro.

Tamén no sur do país, polo menos dez persoas morreron nas últimas horas en varios bombardeos. Entre as vítimas hai cinco rescatistas da asociación Scout Risala, que traballaban en Nabatieh, e outros tantos de nacionalidade siria en Al Haniya.

Edificios destruídos nos suburbios do sur de Beirut. REUTERS Edificios destruídos nos suburbios do sur de Beirut. REUTERS

Baixas en Hezbollah

Ademais, o Exército hebreo asegura que matou en Beirut dous membros da Unidade de Comunicacións de Hezbollah, identificados como Ayub Huseín Yaacub e Yaser Mohamed Mubarak. 

Dende o inicio da guerra, no Líbano faleceron 1.189 persoas e 3.427 quedaron feridas, de acordo cos datos do Centro de Operacións de Emerxencia do país.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade