Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta agarda asumir no verán os permisos de traballo a estranxeiros

A Xunta agarda asumir no verán os permisos de traballo a estranxeiros

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración  asegura que as comunidades teñen a capacidade de ser máis eficientes e áxiles para incorporar ós inmigrantes ó mercado laboral

Reclámalle ao Goberno central que a homologación de titulacións extranxeiras sexa máis rápida

 

G24.gal 08/03/2026 08:26 Última actualización 08/03/2026 09:29

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración sinala o absentismo e a falta de man de obra como os principais retos do mercado laboral.

Na entrevista dos domingos da Radio Galega, José González, lembrou que Galicia é a segunda comunidade autónoma con maior taxa de absentismo. Segundo sinalou, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal, a AIReF, cifrou en 16.500 millóns o inmpacto económico deste problema en toda España.

“É o segundo gasto que ten a Seguridade Social logo das pensións. Creo que hai que reflexionar e traballar todos xuntos: administracións, empresas e traballadores para afrontar o problema do absentismo porque é un reto importante do mercado laboral galego”.

Con respecto á falta de man de obra, o titular de Emprego indicou que afecta a moitos sectores pero, especialmente, ao do metal, ao da hostelería e ó do transporte onde faltan condutores.

José González  indicou que para paliar esta falta de man de obra a Xunta traballa para “reter o nóso talento” e tamén para traelo de fóra.

“O primeiro é reter o nóso talento. Temos que evitar que a xente que busca traballo marche de Galicia. Pero hai unha realidade, hai que traer xente de fóra e isto non é unha cuestión de Galicia. Tamén afecta a España e a Europa tal e como recoñece a Unión Europea. Galicia é hoxe un referente absoluto neste asunto. Este mes irei a Ecuador a explicar as políticas de atracción de talento porque así nolo requiriu unha institución tan importante como é o Banco Mundial”

Neste sentido, o conselleiro de Emprego explicou que Galicia conta con diferentes programas como a Estratexia Retorna “que permitiu que 50 mil galegos do exterior retornaran a Galicia dende 2018 e ata 2024”

“Todos os partidos deberiamos estar dacordo en que son boas estratexias. O que non entendo son as críticas (dos partidos da oposición) simplemente porque son do PP ou porque hai que criticar. Temos que dicir que está vindo moita xente. Vímolo o ano pasado cando fixemos as feiras en Arxentina e Uruguai. Este ano ímola facer en Brasil e xa temos moita xente preinscrita”

Autorizacións de Traballo

O responsable de Emprego  da Xunta explicou que o obxectivo é que os traballadores foráneos veñan “de xeito regulado e ordenado e da man do noso tecido empresarial ou para emprender por conta allea”.

José González indicou que a Xunta quere acompañar neste proceso ós galegos do exterior, que teñen a nacionalidade, pero tamén ás persoas de terceiros países que queiran vir traballar. Neste senso sinalou que a Consellería de Emprego porá en marcha, en breve, unha oficina de atracción de talento.

“As comunidades somos as que temos as políticas activas de emprego e ten toda a lóxica que sexamos as que teñamos as competencias das autorizacións de traballo iniciais. Temos relación coas empresas e a capacidade de ser máis áxiles nesa tramitación”

Con todo, o titular de Emprego di ser optimista e confiar en que o traspaso se faga antes do verán.

“É unha reclamación que lle facemos ó Goberno central dende o ano pasado. Teño que dicir que a cousa se moveu bastante pouco ata agora que estamos coas reunións técnicas. Agardamos, e imos ser optimistas, que no primeiro semestre de 2026 teñamos xa as competencias en materia de autorizacións de traballo”.

Regularización extraordinaria

José González  afirmou que o traspaso das autorizacións de traballo para estranxeiros se fai especialmente necesario logo de que o Goberno anunciase a regularización extraordinaria de 500 mil inmigrantes.

O conselleiro de Emprego criticou que este proceso se faga “vía decreto” e sen diálogo coas comunidades autónomas “que somos as que temos a capacidade para colocar a estas persoas no mercado laboral”

“Esta regularización extraordinaria ten que ir vencellada a un emprego de calidade para evitar situacións de vulnerabilidade das persoas que están en situación irregular. É aí onde cobra importancia ter a competencia nas autorizacións de traballo porque estamos seguros que imos axilizar moitísimo a incorporación ó mercado laboral da xente que se regularice”

Homologación de títulos

O responsable de Emprego da Xunta  reclamou rapidez na homologación das titulacións extranxeiras.

José González explicou que a Xunta concede cada ano bolsas para facer o posgrao a 250 galegos do exterior pero cando rematan aínda non conseguiron homologar o título e non poden exercer no posto para o que se prepararon.

“Pedímoslle ó Goberno central algo de sentido común, que, polo menos, os galegos e galegas do exterior que veñen aquí facer o posgrao teñan homologado o título antes de rematalo. O 90% deles quedan aquí pero queremos que queden naquilo para o que se cualificaron e non en infratraballos”

O titular de Emprego advertiu que se non se acurtan os prazos para homologar títulos extranxeiros córrese o risco de que España non atraia “ese talento que é tan necesario

Paro

O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración  referiuse ós últimos datos do paro, correspondentes ó mes de febreiro no que o desemprego aumentou en 119 persoas. Con todo, José González  indicou que, atendendo á evolución interanual, a tendencia é positiva porque descendeu un 4,07%

“A medio e longo prazo o mercado laboral está a comportarse de xeito dinámico e está a xerar emprego. Vémolo no incremento das afiliacións, unha das cifras máis altas nun mes de febreiro, e no número de desempregados, o máis baixo da serie histórica nese mes”

En canto ó emprego feminino indicou que mellora a estabilidade e a calidade dos empregos ós que acceden as mulleres.

Segundo explicou, a taxa de actividade feminina medrou 13 puntos nos últimos 20 anos e supera a media estatal.

“Podemos dicir que nunca houbo tantas mulleres traballando en Galicia como en 2025 e somos a segunda comunidade autónoma cunha maior proporción de traballadoras e con menor fenda salarial”

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar