Publicador de contidos

Publicador de contidos

Falece Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega

Falece Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega

Xornalista comprometida coa súa profesión, cunha clara vocación pola rigorosidade e pola verdade, Mabel formaba parte da redacción de informativos dende 1997

Deixou unha pegada fonda no Galicia Noticias e nos distintos telexornais, sempre cunha mirada propia, precisa e esixente

G24.gal 20/01/2026 11:05 Última actualización 20/01/2026 12:27

A Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia lamenta fondamente o falecemento de Mabel Montes, xornalista da TVG e da Radio Galega, vencellada durante case tres décadas aos servizos informativos da Corporación.

Xornalista de Zas comprometida coa súa profesión, cunha clara vocación pola rigorosidade e pola verdade, Mabel formaba parte da redacción de informativos dende 1997. Deixou unha pegada fonda no Galicia Noticias e nos distintos telexornais, sempre cunha mirada propia, precisa e esixente.

Dende 2012 integrouse no equipo de O tempo. Alí, a súa ausencia deixa un fondo baleiro. A través deste espazo, Mabel chegou a miles de fogares galegos coa súa proximidade, co seu coidado pola lingua e cun xeito de traballar minucioso e rigoroso.

A súa ausencia tamén se sente con forza nas redaccións da TVG e da Radio Galega, onde desenvolveu os últimos anos da súa carreira profesional.

Mabel Montes exerceu sempre o xornalismo dende a vocación de servizo público. Comprometida coa calidade da información e co respecto á audiencia.

Na CSAG despedimos hoxe unha xornalista referente, unha compañeira e unha grande amiga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade