Comer fóra da casa segue a ser un problema para as persoas celíacas
Topar pratos sen glute nas cartas dos restaurantes ou nos comedores colectivos aínda resulta complicado
Estímase que o 1% da poboación ten esta doenza polo que en Galicia habería 27.000 persoas que a sofren
A Asociación de Celíacos de Galicia leva máis de trinta anos axudando a visibilizar esta doenza e loitando para que os diagnósticos sexan precoces.
Estímase que o 1% da poboación sofre esta patoloxía, polo que se calcula que na nosa comunidade hai unhas 27.000 persoas afectadas.
No día internacional desta enfermidade, que se conmemora cada 16 de maio, lembran que a única medicina é unha dieta sen glute para toda a vida.
A secretaria do colectivo, Belén Hermoso, celebra a data no primeiro restaurante de Vigo que ofrece una carta integramente para persoas con este problema, coma ela. Chámase Alium, que en latín significa "diferente".
"A nosa única medicina é a comida. Nós non necesitamos unha medicina, somente a alimentación. Hai xente que o fai por moda pero realmente non son celíacos, e iso si nos fai moito daño. Reclamamos ao sector da restauración, que para nós é importantísimo, poder saír e non ter que explicar esto podo, esto non podo...pódeme facer esto? Esto que non toque o pan...", explica.
Raúl Sotelo, cociñeiro e dono do Alium Gluten Free, fixo cursos, loitou por ter cervexa de barril sen glute e pelexou moito coas texturas e co I+D. A resposta asegura que non puido ser mellor.
"Máis que os piropos dos comensais, son as caras que poñen e as reaccións que teñen. Tivemos unha rapaza que se botou a chorar porque na vida puidera tomar un almorzo así. O que máis ilusión lles fai é sentarse na mesa sen medo a escoller calquera cousa da carta como o resto da mesa e que todo sexa como debe ser sempre, algo cotiá e bo".
O seu obxectivo é que a clientela celíaca coma ben, sen ser mirados coma extraterrestres, pero sobre todo que se sinta segura.