Publicador de contidos

Publicador de contidos

A directora da Unesco agradece o labor dos bombeiros no incendio da Mesquita-Catedral de Córdoba

A directora da Unesco agradece o labor dos bombeiros no incendio da Mesquita-Catedral de Córdoba

Colapsou o teito dunha capela da Mesquita de Córdoba e outra quedou moi danada polo incendio

Os danos foron limitados en relación co estrago patrimonial que puido causar o lume

As autoridades destacan que o monumento "quedou a salvo" tras a intervención eficaz dos bombeiros

Imaxe do interior da Mesquita-Catedral en obras tras o incendio. Foto: EFE/Salas.
G24.gal 09/08/2025 14:09 Última actualización 09/08/2025 23:13

Trinta e cinco bombeiros traballaron varias horas para acoutar o perímetro do lume e evitar un enorme estrago patrimonial e arquitectónico na Mesquita-Catedral de Córdoba. Ao final, os danos quedaron moi localizados na denominada zona Almanzor do edificio. As vigas do teito da capela da Anunciación colapsaron polas lapas e tamén polo peso da auga empregada para a extinción do lume. Tamén quedou moi danada a capela que se empregaba como almacén dos útiles de limpeza, onde comezou o incendio.

"Salvamos a Mesquita. Moitos estiveron xogando o tipo para salvala e que incendio quedara moi localizado e nun espazo moi reducido dentro da Mesquita e hoxe toca comezar a avaliación e os traballos de restauración", sinalou o alcalde cordobés, José María Bellido.

As lapas orixináronse supostamente nunha máquina varredora na capela coñecida como a da limpeza. Por certo, esta capela, ten un nulo valor patrimonial. Agora toca poñer en marcha un plan de recuperación en varias fases.

"Unha primeira intervención para limpar o máis básico afectado polo fume; en fin, os traballos de limpeza. A continuación farase o correspondente proxecto de restauración, conservación e posta en valor", explicaba Patricia de Pozo, conselleira de Cultura da Xunta de Andalucía.

En resumo, un incendio cun limitado alcance en comparación cos danos maiúsculos que puido causar. De feito, a Mesquita-Catedral abriu hoxe ao público no horario habitual.

A directora da Unesco agradece o labor dos bombeiros no incendio da mesquita 

A directora xeral da Unesco, Audrey Azoulay, agradeceu este sábado a actuación dos bombeiros e das autoridades locais que permitiron controlar o incendio que afectou a Mesquita-Catedral de Córdoba, inscrita na Lista do Patrimonio Mundial da Humanidade.

"Quero destacar a rápida actuación dos bombeiros e das autoridades locais, que permitiu controlar o incendio que afectou á Mesquita-Catedral do centro histórico de Córdoba, inscrita na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco", indicou Azulay na rede social X.

Ao tempo, mostrou a súa colaboración ás autoridades españolas para "garantir a preservación e a rehabilitación deste monumento excepcional".

O monumento, un dos máis visitados de España, integra desde 1984 a lista do patrimonio da humanidade que xestiona a Axencia da ONU para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos