Publicador de contidos

Publicador de contidos

Clientes da academia Vive Formación presentan denuncia por presunta estafa

Clientes da academia Vive Formación presentan denuncia por presunta estafa

Din que lles venderon cursos e prácticas con acreditación oficial como axencia de colocación e que os títulos entregados non teñen ningunha validez oficialmente

O avogado de Vive Formación di que a firma ten un problema de liquidez, que mantén os compromisos adquiridos cos clientes e que nunca vendeu os cursos como oficiais

Imaxe deste mércores do local que foi sede de Vive Formación en Santiago de Compostela
G24.gal 29/06/2022 14:13

Vive Formación é a marca doutro presunto engano urdido tras unha academia de formación profesional utilizando o cebo de que abría as portas dun posto de traballo.
Con esa perspectiva matriculáronse varios centos de persoas.

Unha delas é Antonio, 46 anos e en paro, que pagou un curso de axente forestal e garda de coutos de caza e pesca. Seguiu o curso en liña correspondente e chegou o momento das prácticas.

"Paguei tres prazos de 480 euros, case 1.500 euros, e fáltanme as prácticas". 

En maio tivo a primeira alerta cando lle deron as prácticas como motoserrista cun madeirista. Ata entón íanlle demorando as solucións ás súas consultas, pero a partir de aí non lle volveron coller o teléfono.

A firma, con sede social en Vigo, tivo tamén oficinas en Santiago, Pontevedra e noutras cidades españolas. A súa web segue aberta. Como Antonio podería haber varios centos de prexudicados. Moitos seguen a pagar o financiamento dos cursos.

"Fun ao SEPE a preguntar e alí non saben nada desta empresa nin son axencia de colocación nin nada, o logo que teñen, que é falso", di Antonio Correa, que contratou un curso con Vive Formación.

"En ningún caso se manifestaba, se dicía ou se recollía que fosen oficiais. Si que se comercializaron servizos para preparar formación profesional de forma 'por libre'. Aqueles que teñan algún problema que se poñan en contacto, porque están a funcionar ademais. Están a funcionar os teléfonos, están a funcionar as plataformas...",  asegura Eduardo Salido, avogado de Vive Formación.

E Antonio Correa, prexudicado, conclúe: "Que pasa?, que se o curso non era oficial e o certificado non é oficial é como se non fixeramos nada. Daquela, perdemos os cartos. En consecuencia, o que queremos é recuperar os cartos".
 
Conscientes de que non poden recuperar o tempo dedicado a unha formación que non ten validez oficial, os afectados queren que lles devolvan os cartos investidos.
 
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade