Claudio, insiste: "Terán que matarnos para eliminarnos. É moi caro fincarnos o dente"
O técnico do Celta confía en que Jutglá sexa un máis para mañá
Claudio está orgulloso do cariño da afección e engade que "deben ter tranquilidade par centrarse no fútbol e non no emocional"
O adestrador do Celta compareceu esta tarde na previa do decisivo encontro ante o Olimpique de Lión, nunha eliminatoria que chega completamente aberta tras o 1-1 da ida en Balaídos. Aquel empate deixou sensacións contrapostas no conxunto vigués: dominio en varias fases do partido, pero faltou de contundencia para traducilo nunha vantaxe máis ampla.
No primeiro asalto, o Celta mostrou unha versión competitiva e atrevida, capaz de discutirlle a posesión ao equipo francés e de xerar ocasións claras, pero tamén evidenciou certos desaxustes defensivos que permitiron ao Lión manterse con vida na eliminatoria. O gol visitante obriga agora aos de Claudio Giráldez a marcar en Francia, nun escenario esixente e cun rival que adoita medrar como local.
Ademais, o técnico celeste terá que afrontar baixas importantes para a volta. Óscar Mingueza non estará dispoñible, mentres que Borja Iglesias, expulsado no encontro de ida, tamén será ausencia nun duelo no que o Celta perde peso tanto en defensa como en referencia ofensiva. Claudio cre que Jutglá estará para o partido de mañá.
O adestrador non ofreceu pistas sobre o plan de partido, especialmente no referente ao equilibrio entre risco e control, nun choque no que a xestión dos tempos e a eficacia nas áreas poden resultar decisivas. A situación do equipo, condicionada polas ausencias, engade un grao máis de dificultade a unha eliminatoria xa de por si esixente. Claudio non ten nervios.
"Estou tranquilo e convencido de que o equipo fará as cousas moi ben e terán que matarnos para eliminarnos. É moi caro fincarnos o dente!
O Celta afronta así unha cita europea de máximo nivel, cun resultado da ida que deixa todo por decidir e que obriga a un exercicio de madurez competitiva nun dos escenarios máis complexos do continente. Isó sí, con case tres mil celtistas nas bancadas.
"É un orgullo ter o seguemento e o cariño de cada día a día. Agardamos darlles unha ledicia. Hai que ter tranquilidade par centrarnos no fútbol e non no emocional"