Cincuenta locais de hostalería de Ourense participan no concurso de petiscos de primavera
Propostas culinarias para todos os gustos que están a facer as delicias de veciños e visitantes
E para que ninguén quede sen probalos, boa parte dos petiscos son ademais aptos para celíacos
Cincuenta establecementos participan estes días en Ourense no concurso de petiscos de primavera. Propostas culinarias para todos os gustos que están a facer as delicias de veciños e visitantes.
Os petiscos son, iso si, algo máis elaborados do habitual, con propostas que tentan combinar os produtos da nosa cociña con elaboracións algo máis innovadoras. E para que ninguén quede sen probalos boa parte dos petiscos son ademais aptos para celíacos.
"Pois chámase "Entre foliada e foliada". É un petisco que facemos na honra da provincia de Ourense, todos os produtos que leva están feitos na provincia: temos un brioche de fariña do país que nos elaboran en Cea nun forno de leña que é A Boa Migalla, logo leva tenreira desmechada, shiitake de Trives. Terminamos cun Sabayón, que é un prebe típico italiano, elaborado cun torrado de Viña Costeira, que é un viño doce, e facemos un cristal de pataca morada para darlle un toque crocante." Explica o cociñeiro Martín Fernández, do Bágoa Gastrobar.
Porque o certo é que todo vai da man, o sabor e a presentación, e neste concurso semella que ninguén quere quedar atrás.
"O noso petisco é un cebiche de bacallau con mango sobre unha base de millo fritida. A xente queda sorprendida, gústalles moito a verdade", apunta María Jardín, de Casa Cortés.
Sorprenden porque todos estes petiscos a concurso son novas elaboracións que nunca antes estiveran na carta.
"Leva o polo ao curry que ten un toquiño un pouco picante, que é como debería ser un curry, e logo leva unha esferificacións de mango que tamén dan ese punto así como diferente, que estrala na boca." Conta Beatriz Alcalá, da cafetería La Zapatería del abuelo.
E claro, con medio cento de propostas espalladas por toda a cidade, resulta difícil elixir, así que o mellor din é ilos probando de aos poucos. O concurso non remata ata o 1 de maio, será entón cando se elixa a oito finalistas que terán que elaborar as súas propostas nunha gala en directo. Ata entón queda tempo de abondo para gozar destes petiscos de primeira.