Detido un home por agredir a axentes tras unha disputa coa súa parella en Fisterra
Os feitos desencadeáronse tras recibir un aviso no que varios veciños alertaban dunha forte discusión conxugal no interior dunha vivenda
O individuo presentaba restos de sangue no seu corpo e portaba na man a folla dun coitelo sen mango
A Garda Civil de Corcubión detivo un home no termo municipal de Fisterra, como presunto autor dun delito de atentado contra axentes da autoridade.
Os feitos desencadeáronse tras recibir un aviso na Central Operativa de Servizos (COS) no que varios veciños alertaban dunha forte discusión conxugal no interior dunha vivenda. Ao comparecer de inmediato no lugar, a patrulla puido observar diversos aveños esparexidos na vía pública exterior e escoitar berros procedentes do interior do inmoble.
Ao chamar á porta, os axentes da Garda Civil foron recibidos por un home nun elevado estado de axitación e agresividade, quen mostraba síntomas evidentes de atoparse baixo os efectos de substancias estupefacientes e bebidas alcohólicas. O individuo presentaba restos de sangue no seu corpo e portaba na man a folla dun coitelo sen mango, manifestando que a súa parella xa abandonara a vivenda.
A pesar dos intentos de mediación do persoal da Garda Civil, o individuo volveu o seu domicilio para saír de novo brandindo un coitelo en cada man e abalanzándose de forma directa e hostil contra os axentes.
Os gardas civís procederon á súa redución e posterior detención. Neste despregamento de seguridade contouse coa valiosa colaboración dun axente da Garda Civil que se atopaba libre de servizo e que, ao ser veciño do inmoble, interveu con celeridade para neutralizar a agresión.
Como consecuencia da forte resistencia oposta polo detido durante o forcexo, un dos gardas civís sufriu unha ferida por mordedura nunha perna, motivo polo cal requiriu traslado e asistencia sanitaria no Hospital Virxe da Xunqueira de Cee.
O detido, que tamén presentaba lesións leves derivadas da redución, foi evacuado en ambulancia ao mesmo centro hospitalario baixo custodia policial debido ao seu estado de alteración.
O detido e as dilixencias policiais instruídas foron postos ao dispor do Xulgado de Guardia de Corcubión
Imaxe cedida pola Garda Civil