Cinco detidos e 12 investigados por formar parte dunha rede de matadoiros ilegais
Os axentes detectaron a distribución de carne procedente de matadoiros clandestinos en dez restaurantes de comida asiática de Madrid e Fuenlabrada
Os detidos están acusados de varios delitos contra a saúde pública, maltrato animal, falsidade documental, pertenza a grupo criminal e branqueo de capitais
A denominada operación POX do Seprona botou a andar ao detectarse que carne procedente de sacrificios ilegais en matadoiros clandestinos estaba sendo distribuída en dez restaurantes de comida asiática de Madrid e Fuenlabrada.
Tirando dese fío, os axentes chegaron ata varios matadoiros clandestinos nos que se sacrificaban animais sen autorización, en condicións hixiénico-sanitarias deficientes e sen cumprir as normas sobre benestar animal.
“Operar clandestinamente comporta non ter ningún tipo de control veterinario sobre os animais. Así, calquera enfermidade que lles poida xurdir ou síntomas de mal nutrición e demais, non é atendido por ningún profesional veterinario”.
Os animais procedían de explotacións tanto legais como ilegais, pero perdían a rastrexabilidade ao pasar polos matadoiros clandestinos, situados nas provincias de Madrid, Ávila e Toledo.
“Esa carne non só se distribuía a locais de restauración, moitas veces era un particular o que saía do seu domicilio a recoller as esportas que deixaba o distribuidor ilegal do matadoiro”.
Durante a redada foron arrestadas cinco persoas e outras doce están sendo investigadas.
Todas elas están acusadas de varios delitos contra a saúde pública, maltrato animal, falsidade documental, pertenza a grupo criminal e branqueo de capitais.