Científicos do IDIS descobren factores xenéticos relacionados con cancro colorrectal
Identificaron 150 xenes altamente relacionados coa posibilidade de padecer este tipo de tumor
O equipo, liderado por Ceres Fernández, destaca que o achado abrirá novas liñas de prevención
Detrás do de mama e o de pulmón, o cancro de colon é o máis frecuente para ambos sexos. E a súa incidencia está a medrar en persoas novas, razón pola que esta investigación, destinada á prevención, resulta tan importante. Descóbrense agora 150 xenes que constitúen un factor de risco para desenvolver este tipo de tumores.
"Para que é útil? É porque nos axuda a coñecer máis como aparecen estes cancros, e iso ten unha posibilidade terapéutica ligada á quimioprevención. É dicir: podemos tomar unha serie de medicinas que nos permitan diminuír ese risco de cancro que nós xa sabemos que existe para estas persoas", explica Ceres Fernández, investigadora do IDIS .
Non só curar con tratamentos personalizados, senón evitar a enfermidade. Un futuro que se abre paso grazas a este achado que levou esta investigación do IDIS á Nature Genetics, a revista internacional máis importante no ámbito da xenética.
¨É un esforzo a nivel mundial para facer o mellor posible en canto a cancro de colon e é un estudo que levamos máis de sete anos detrás del. A maioría dos cartos en investigación veñen do sistema público, entón paréceme fundamental que a xente saiba o que facemos e a utilidade que ten", explica a investigadora Ceres Fernández.