Chove en Santiago, un plan turístico pasado por unha auga moi valorada
Os peregrinos tiveron unha xornada dura por causa das bategadas
Os turistas soportan as poalladas con gusto
Santiago cumpre hoxe co tópico de cidade chuviosa neste seco verán
Os paraugas e os chuvasqueiros volveron a Santiago. A chuvia deu contadas treguas que turistas e peregrinos aproveitaron para facer os retratos de rigor. Neste seco e caloroso verán os nosos visitantes valoran a poallada como unha auténtica bendición apostólica.
"Veño dun sitio que estamos a corenta graos de noite e esta humidade é unha bendición", reflexiona un andaluz. "A chuvia é marabillosa cando vés de Castela", asegura outra turista.
Esta foi a banda sonora de hoxe para moitos camiñantes. Algunhas chaparradas complicaron a andaina pero non fixeron decaer o espírito estoico dos peregrinos. Cando menos, iso din.
"Ben, claro, estamos camiñando, somos peregrinos, empezou a chuvia e tiven que poñer o poncho, logo entrar nun bar, café con leite..."; "Empecei en Coímbra con moi bo tempo, cando entras en Galicia e todo vira verde, agora entendes por que"; "Camiñamos trinta días e hoxe foi o primeiro que houbo tanta chuvia, mollado pero feliz", son comentarios de varios peregrinos.
A ringleira para ver a catedral tampouco encolle. Vir de vacacións a Galicia ten estas cousas e as bategadas non anulan os plans dos que queren coñecer e gozar da nosa terra.
"En Galicia chove e non cambiamos os plans, hai que aproveitar", di unha moza. Outro turista conta que está en Cambados e que xa pensaban vir a Santiago, e un terceiro visitante explica que está aloxado en Vilagarcía e que cadrou a chuvia no día que xa contaban con coñecer a cidade.
Nunca choveu que non escapara, pero hoxe toca mollarse.