En estado grave un dos atropelados na Coruña por unha condutora que deu positivo en drogas e alcol
A imaxe do vehículo dá conta da magnitude do impacto. Era última hora da tarde cando este Seat Ibiza que circulaba por Alfonso Molina cara a entrada da Coruña levou por diante unha parella que estaba na beiravía. De inmediato trasladáronse á zona os servizos de urxencias médicas, Policía Local e Garda Civil. Os axentes practicáronlle as probas á condutora que deu positivo en alcol e drogas. Os feridos foron trasladados ao CHUAC ante a gravidade das feridas. O mozo sufriu un traumatismo cranioencefálico severo e permanece na Unidade de Coidados Intensivos en estado grave. A moza está en observación de urxencias
"Hai unhas circunstancias que son graves vinculadas ao consumo de drogas e alcol. Ese é un agravante e despois se hai malas practicas por pasar por zonas que non son debidas será uha suma de factores", explica Álvaro Pérez, presidente da Asociación de veciños de Palavea.
O suceso tivo lugar a pouco metros da parada de autobús que hai á altura do barrio de Palavea que conta cunha pasarela. O que ninguén se explica é que facían na beiravía dunha vía pola que circulan a diario uns 70.000 vehículos cando hai unha beirarrúa para os peóns.
"Hai que cruzar pola ponte. Por outro lado non se pode cruzar", di un veciño.
Desde a asociación de veciños din que a seguridade na zona mellorou nos últimos anos e que as obras da nova Alfonso Molina están en execución. "É unha zona onde non é habitual que exista ningún percance. Hi moito tráfico pero non é habitual", asegura Álvaro Pérez, presidente da Asociación de veciños de Palavea.
Os datos da Policía Local recollen un total de 93 persoas atropeladas o pasado ano na Coruña.