A veciñanza de Arzúa urxe o remate da autovía entre Santiago e Lugo
A veciñanza de Arzúa celebra as obras de mellora na estrada N-547 que atravesa a vila
Aseguran que só a posta en servizo do tramo final da autovía entre Lugo e Santiago e o desvío do tráfico pesado darán unha solución definitiva aos problemas de seguridade viaria que soportan a diario
A chuvia entorpeceu o inicio dos traballos que desenvolve a Demarcación de Estradas do Estado nesta N-547 ao seu paso por Arzúa. Van repintar os pasos de peóns e instalar varias bandas transversais de alerta, co obxectivo de mellorar a seguridade dos viandantes.
"Os coches non respectan, amais tes un límite de velocidade que tampouco, tes que ter mil ollos".
"Eu procuro parar e esperar que os coches paren, porque ás veces eu tamén vou moitas veces conducindo...".
"Semáforos, hai un aí arriba pero deberá haber algún máis".
"As raias están borradas e tiñan que ter un intermitente diante para que a xente ao vexa".
"Parece unha corredoira", din varios veciños.
Segundo fontes do Concello as obras faranse esta semana en horario nocturno, xa que durante o día esta vía soporta un intenso volume de tráfico. Mentres, os veciños continúan coa recollida de sinaturas para reclamar melloras na seguridade nesta estrada.
"O principal é que abran a autovía".
"Claro é quitar os camións que veñen polo centro da vila".
As obras da autovía A-54, proseguen nos últimos 16 quilómetros entre Melide e Arzúa. Sen unha data aínda concreta para a súa apertura, o Concello confía en que a infraestrutura estea rematada este ano.