Intensifícase o frío na provincia de Ourense: Calvos de Randín marca -5,1 graos
En apenas tres días o tempo pasou dunha calor case de verán, con máis de 32 graos en Ourense, a que varias localidades da provincia espertaran hoxe baixo cero
E termómetro sorprendía tamén con case -2 graos os veciños de Xinzo de Limia e 1 grao baixo cero en Baltar de Verín
Chegou o frío e a primeira xeada do outono á comarca da Limia. Esta mañá amenceu cunha mesta néboa e case dous graos baixo cero.
"Home, xa temos unha xeada bárbara, hoxe xeou de carallo".
"Agora xa empeza a levantar, pero apareceu todo xeado e bastante humidade tamén. Por aí pola zona da lagoa non se vía...".
"De Ourense aquí hai unha diferencia barbarísima, Xinzo sempre foi moi frío".
Máis frío que en Xinzo fixo en Calvos de Randín. Pouco antes das oito da maña, o termómetro da estación meteorolóxica de MeteoGalicia rexistaba 5,1 graos baixo cero. A friaxe chegou de repente e sorprendeu sobre todo aos que adoitan vivir fóra.
"Nós estamos acostumados en Bilbao, que alí non vai tanto frío, e entón nótase".
"Xa nin roupa de inverno tiñamos".
Caras de frío e para saír á rúa os limiaos tiveron que sacar a roupa de abrigo dos armarios.
"Home, xersei, chaqueta e todo".
"Si se nota, si, eu estaba pensando en mercar unhas camisetas".
"O inverno empeza a chegar, e é normal".
"Saín fóra e, carai, íalles abrir ás pitas, pero, digo, déixaas estar, que están ben ata que lles dea o sol".
A semana pasada Xinzo rexistraba 28 graos e a cidade de Ourense 32, unha baixada brusca de temperaturas que moitos xa agardaban, despois de tanta calor.
"Menos mal que veñan estas xeadiñas, e que veña un pouco de chuvia tamén fai falta, porque de calor estamos ata a 'coronilla'".
"Imos agora para as matanzas e fai falta frío para curar os chourizos e o xamón".
"Pero como ten feito tanto calor ata hai moitas fontes secas, o manancial que usamos para a traída está seco".
"Non era normal o tempo que tiñamos, fainos falta chuvia".
Outras localidades da provincia de Ourense tamén espertaron este luns con valores negativos, como Baltar ou Verín, rozando os menos un graos. Con todo, agárdase que ao longo do día as temperaturas suban ata os 15 graos en Xinzo e os 20-22 en Ourense.