Cerdán entrega no Supremo un informe pericial que demostra que os audios de Koldo están manipulados
A defensa do exsecretario de organizacion do PSOE sostén que apareceron rastros de sistemas operativos que non existían en 2019, cando supostamente se produciron as gravacións
Os peritos desbotan a súa suposta orixinalidade e conclúen que os audios foron procesados, reconstruidos, transferidos ou manipuladas nun momento posterior
Arquivo/Jesús Hellín/Europa Press
O exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán presentou un informe ao Tribunal Supremo que sostén que os audios intervidos pola Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil ao exasesor ministerial Koldo García, que motivaron a súa imputación pola presunta trama de amaños de obra pública, están manipulados.
A esa conclusión chega un informe pericial que fixo chegar a defensa de Cerdán ao maxistrado instrutor do caso Koldo no Supremo, Leopoldo Puente.
Os peritos do informe apuntan á presenza de firmas de versións de iOS cronoloxicamente imposibles para as datas que figuran nos nomes e metadatos dos arquivos.
Ao seu xuízo: "A identificación de rastros simultáneos de iOS 12.2 e iOS 13.1.2 en audios atribuídos a abril de 2019 constitúe unha imposibilidade técnica categórica, posto que ningún dispositivo pode incorporar pegadas dun sistema operativo que non existía na data declarada de creación".
"Esta circunstancia implica, de maneira irrefutable, que os arquivos foron procesados, reconstruídos, transferidos ou manipulados nun momento posterior, quedando descartada a súa suposta orixinalidade", aseguran nas súas conclusións.
A defensa encargou este informe para rebater a análise requirida polo Supremo á Garda Civil, que avalaba os audios de Koldo que incriminan a Cerdán.